Os petiscos deben estar elaborados con materias primas frescas e de temporada, e ter un prezo máximo de 2,50 euros.

Xa se coñecen os 39 pinchos que concursarán en «Sabores de Ourense»

Do 22 de abril ao 8 de maio, 39 establecementos de Ourense participarán na quinta edición do Concurso de pinchos «Sabores de Ourense» edición primavera, organizado polo Concello de Ourense e a Unión de Hostaleiros Ourensáns (UHO). 

Na Porta da Pía, local gañador do primeiro premio na pasada edición do certame, o voceiro do grupo de goberno, Pepe Araújo, a concelleira de Turismo, Isabel Castelo, o presidente da UHO, Javier Outumuro),  e Felicísimo Pereira, presidente do CRDO do Ribeiro, patrocinador do concurso, deron o pistoletazo de saída amosando o «Crocante» co que este restaurante participará nesta edición.

Xunto a el, outras 38 propostas doutros tantos locais de hostalaría da cidade (a maioría da zona dos Viños, pero tamén do centro, San Francisco, A Ponte, Residencia ou zona termal) ofrecerán durante dúas semanas petiscos elaborados con materias primas frescas e de temporada, e a un prezo máximo de 2,50 euros.  En http://saboresdeourense.turismodeourense.com/primavera2016/ están todos eles.

Todos os petiscos optarán aos tres premios do xurado profesional e do público, e ao premio da prensa, e aqueles que sexan sen glute optarán tamén ao premio pincho celíaco. Os clientes que selen os boletos cos seus votos (en alomenos tres bares) poderán gañar premios como lotes de viño, estancias termais ou en hoteles, e aqueles que rexistren a súa votación na aplicación para móbiles “Sabores de Ourense” unha tablet.

Na edición anterior vendéronse un mínimo de 9.000 pinchos nesta iniciativa de dinamización da hostalería ourensá.