Inícianse este martes as obras na Pontella, na estrada OU-411

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo unha reunión co alcalde de Bande, José Antonio Armada, na que lle trasladou que o  martes, 3 de maio, comezarán as obras de mellora de seguridade viaria na Pontella, na estrada OU-411.

O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, financia este proxecto mediante a achega económica de preto de 43.000 euros.

O treito obxecto destas actuacións sitúase no PK 0+510 da citada estrada autonómica ao seu paso polo concello de Bande. Trátase dunha ponte estreita que será ampliada por medio dunha lousa prefabricada ancorada nunha cementación executada no recheo da pontella, de xeito que se poida contar cunha beirarrúa de 2 metros e dous carrís de circulación de 3 metros, separados por unha barreira metálica.

A execución das obras require do corte total da estrada, polo que se establecerá un desvío alternativo debidamente sinalizado. O prazo de execución previsto para estes traballos será de 4 meses aproximadamente.