As sancións poden ir dos 100 aos 500 euros en virtude da Ordenanza de animais, e ata 3.000 euros segundo a ordenanza de zonas verdes.

O Concello sancionará os donos dos animais que non recollan excrementos e os que poñan veleno

Ante as numerosas queixas veciñais e a manifesta actitude de moitos donos de cans no referente aos excrementos e ouriños, tanto na vía pública coma nas zonas verdes, o Concello de Ourense quere recordar que a lei fai responsables aos donos dos animais de que estes ensucien as vías públicas, polo que fará efectivas as sancións oportunas, e que poden ir dos 100 aos 500 euros. Sancións que se elevan na Ordenanza municipal de uso de zonas verdes, que tipifica estas accións como falta graves ou moi graves en función das circunstancias. O incumprimento da normativa pode levar aparellada unha sanción de 3.000 euros.

O Concello apela a cidadanía de Ourense a que se esmere no cumprimento dunha normativa que, segundo o departamento de Sanidade, “non debe implicar grandes esforzos pero si evita importantes incomodidades”. Insístese desde a área dirixida por Sofía Godoy en que os distintos servizos municipais vixiarán o seu cumprimento sancionando, previo legal procedemento, “aquelas actitudes contrarias á normativa e á boa convivencia cívica”.

Estase a preparar, ademais, un proxecto de concienciación sobre a tenza de animais e o civismo nos espazos públicos para fomentar a integración das mascotas na cidade dun xeito amable e cívico.

Protección animal

O Concello quere advertir, coa mesma contundencia, de que perseguirá cos instrumentos legais ao seu alcance a aquelas persoas que depositan na vía pública veleno e produtos para rexeitar ou sacrificar animais. Esta práctica está prohibida e pode traer consecuencias perniciosas para os animais e para as persoas, polo que solicita e esixe o cese inmediato destas prácticas, tales coma colocar xofre nas beirarrúas -casos detectados estes últimos días-, baixo os apercibimentos legais oportunos. As sancións poden ir dos 1.800 até os 3.000 euros.

Neste sentido, o Concello recomenda que, no caso de ver veleno ou elementos que entrañen riscos para a saúde de animais e persoas, se avise á Policía Local para que tome as medidas oportunas.

A memoria da Concellería de Sanidade recolle que en 2015 se abriron 229 expendientes administrativos relacionados con animais. Os máis comúns foron denuncias por cans soltos identificados (46), denuncias por molestias de mascotas, por ruídos ou falta de hixiene, en comunidades de veciños (38)  e cans abandonados sen ningún tipo de identificación (34). Houbo 15 denuncias por posibles maltratos a animais. A maioría dos expedientes inícianse por denuncias da Policia Local ou Seprona e finalizan en sancións económicas, por infracción administrativa ou incumprimento das obrigas, das prohibicións e dos requisitos establecidos na Lei sobre lexislación de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.