O Club Ourense Baloncesto chega a Burgos coa intención de loitar por unha praza nas semifinais de ascenso á Liga Endesa.

Sen complexos no Plantío

Despois de remontar un 2-0 na eliminatoria, os homes de Gonzalo García de Vitoria están confiados en loitar por ter opcións de superar por terceira vez consecutiva ao Burgos e plantarse nas semifinais.

Os recitais do segundo e terceiro partido e o bo partido -aínda que este se perdera por un palmeo no último segundo- do primeiro son unha boa carta de presentación para os ourensáns en terras burgalesas.

Pola súa banda, os castelán leoneses non teñen claro pasar unha eliminatoria á que chegaban como favotiros. O propio adestrador, Diego Epifanio «Epi» xa o deixou ben claro na sala de prensa ao rematar o cuarto partido: «levo dúas semanas sen durmir desde que soupen que era o COB o nos rival nesta eliminatoria». Tralo empate da serie foi claro «houbo un equipo que quería gañar e outro que non sei se quería gañar» e ademais destacou a Pedro Rivero coma o «mellor base da categoría».

Os nervos en Burgos son notorios, algo que non ocorre en Ourense. Cos deberes feitos (estar nos playoffs é un premio) cada partido é un agasallo que o aproveitan coma se fóra o último. Iso pode nivelar a balanza en favor dos de García de Vitoria.

A falta de presión dos ourensáns xoga ao seu favor, pola contra a experiencia dun plantel máis experimentado do Burgos é a baza dos de «Epi». Todo resolto sobre as 23 horas deste martes 3 de maio.