Manuel Baltar entrevistouse con responsables da Fundación Advanced Leadership para coñecer os traballos que se están levando a cabo no proceso de xestión da misión comercial.

Ultimadas as liñas de negocio das empresas ourensás para a misión USA Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entrevistouse con Jorge Brown, director xeral de Advanced Leadership Foundation, e con Carlota Pico, directora de operacións da misión comercial USA-Ourense, para coñecer os traballos que se están levando a cabo no proceso de xestión da misión comercial e das entrevistas cos empresarios ourensáns interesados en participar na mesma. Na reunión púxose de manifesto que xa están ultimadas as liñas de negocio das empresas de Ourense interesadas en contactar e establecer relacións comerciais con firmas norteamericanas.

Neste sentido, o Goberno dos Estados Unidos certificou a misión USA-Ourense, que está xestionando a Fundación Advanced Leadership, presidida por Juan Verde, misión que posibilitará o contacto entre compañías ourensás con empresarios, distribuidores, socios de emprendemento e demais axentes relacionados cos negocios e o comercio norteamericano. Unha certificación que foi asinada polo conselleiro de Asuntos Comerciais da Embaixada de Estados Unidos en Madrid, Keith L. Silver, na que destaca que o Servizo Comercial dos Estados Unidos conta con especialistas en comercio en 100 cidades norteamericanas e en máis de 80 países, que traballan no eidos da exportación e ventas de ámbito internacional.

O labor que desenvolven ditos especialistas consiste en identificar oportunidades de negocio, na busca de socios locais empresariais e de investidores, lanzamento de compañías, promoción de servizos e produtos e elaboración de informes de investigación de mercados.

Manuel Baltar considera que a misión USA-Ourense “é unha oportunidade para establecer relacións empresariais entre a nosa provincia e o mercado norteamericano, que permitirán ás nosas empresas incrementar a súa visiblidade e posicionamento internacional, sinaladamente nos Estados Unidos, abrindo canles de colaboración comercial nos sector máis destacados da economía da provincia de Ourense”.