Entrevista a Delfín Caseiro, membro do Padroado do Museo da Limia de Vilar de Santos, que este maio cumpre 20 anos na súa actual sede.

“O Museo da Limia é un centro moi dinámico, punto de encontro dos veciños e dos intelectuais”

Catedrático de Lingua galega e Literatura e inspector de Educación, Delfín Caseiro é membro do Padroado do Museo da Limia de Vilar de Santos.

Sempre estivo vinculado ao Museo?
Delfín Caseiro: “Si, desde que se toma a decisión de facer un espazo museístico, que como primeira instalación tivo o primeiro andar das antigas escolas unitarias de Vilar de Santos. Era unha proposta moi modesta naquela altura, alá por 1990, 91, a partir dunha idea do profesor Ángel Cerrato que traballaba no instituto de Xinzo, xunto con outras persoas interesadas tamén pola materia, como Pepe Calleja e algún máis que agora non lembro”.

Era unha iniciativa dee particulares ou proviña dalgunha institución?
D.C.: “Foi basicamente unha iniciativa a título individual, como unha necesidade de crear un espazo no que aparecese reproducida a forma de vida e de traballo da comarca da Limia. Este profesor Cerrato e outros colaboradores tiñan reunido algunhas pezas que lle foran doadas por particulares da zona e buscaban un respaldo e un apoio institucional para materializar o museo etnográfico. E despois de varias voltas e contactos con varios concellos chegaron a Vilar de Santos e alí o alcalde que estaba entón, que era Xosé Antón Jardón que segue hoxe en día vinculado ao Museo, acepta implicarse na aventura e darlle para adiante, facilitarlles espazos e a partir de aí proceder á instalación desas primeiras pezas que tiñan”.

Cando se produce o traslado á actual sede?
D.C. “Nesa época, había conversas co bispado de Ourense para a cesión da casa reitoral de Vilar de Santos que estaba deshabilitada, esas conversas chegan a bo termo e xa se pensa como a ubicación máis idónea para un museo máis digno do que tiñamos ata ese momento. Xa se fai a remodelación pensando na instalación alí do que acabaría sendo o Museo da Limia”.

Que contidos podemos ver hoxe no museo?
D.C.: “Basicamente mantense a estrutura organizativa do comezo, desde que hai 20 anos, agora en maio, se abren as portas do Museo da Limia na súa ubicación actual, con diferentes salas.

Temos a sala dos oficios, onde están representados oficios como o de carpintaría, de ferreiros e de canteiros. Temos a reproducción dunha casa labrega completa, co lar, a cociña, cuarto de dormir, e os mobles que foron doados por veciños, tal como responde ao canon dunha casa tradicional labrega. Está a sala do liño, por ter sido a Limia unha zona de moi alta producción durante séculos de liño, e coa particularidade de que paralelamente se crea un taller de confección coa instalación de varios teares que vai estar funcionando durante anos como unha actividade que dá traballo a varias veciñas de Vilar de Santos.

Tamén hai unha sala dedicada á Lagoa de Antela, que é fundamentalmente unha sala da memoria, alí o máis destacado é unha reproducción da barca da lagoa, na que os campesiños se metían pola lagoa para procurar ovos de patos.

Con posterioridade incorporouse unha taberna tenda con elementos dun comercio que existía na Pereira que era da familia dos Bobillo, que foi un establecemento comercial moi importante na zona, un verdadeiro centro mercantil de boa parte do século 20 porque na Pereira había unha importante feira o primeiro de cada mes e era onde se pagaban as pensións. É unha reproducción en pequemo pero con elementos doados por parte de herdeiros destes establecementos.

Outra das salas que me queda por mencionar é o patio, que se aproveita como espazo para gardar os apeiros de labranza representativos: o carro, o arado… e a reproducción dunha tulla onde se gardaba o cereal que se colleitaba, por ser o cereal ao lado da pataca un dos produtos representativos da comarca. E unha ultima sala na que aparece o ciclo da pataca e unha das máis vellas clasificadoras de patacas que existen.
O Museo da Limia tamén acolle unha reproducción da “Arracada” de Vilar de Santos, un pendente celta que é un elemento do escudo do municipio”.

Que actividade ten o museo?
D.C.: “Hai visitas de escolares, de grupos, van particulares, excursionistas, combínase a visitas dos colexios coa realización de actividades de todo o tipo, como congresos, conferencias… Cando funcionaba o taller do liño realizáronse varios encontros, algúns deles de dimensión internacional. Tamén encontros arredor da tradición oral, exposicións de moi diverso tipo; na actualidade hai unha exposición de instrumentos musicais de diferentes partes do mundo. En definitiva, é un centro moi dinámico, punto de encontro dos veciños e dos intelectuais, non simplemente un museo para visitar senón un museo para facer actividades nel”.

Como van celebrar este vixésimo aniversario?
D.C: “En principio as actividades están sen definir, pero unha actividade que se vai acometer de inmediato é a elección do limiao do ano, que é unha celebración que estamos a puntos de instituir e que aínda que sexa con algunha demora temporal entendemos que é oportuno que acometa o Museo da Limia, por ser unha institución moi representativa da comarca”.

Cre que é coñecido o Museo na comarca e fóra dela?
D.C.: “Si, hoxe ten un nome, e unha repercusión importante. Con ser un museo local con escasos recursos é un museo moi digno, foi merecedor de varios recoñecementos, entre eles o Premio da Crítica, foi obxecto tamén dalgún premio a nivel de Estado e a verdade e que o traballo que se ten feito aí e os recursos destinados a el teñen dado un rendemento óptimo; grazas, en boa medida, á colaboración voluntaria de moitas persoas implicadas, desde os responsables das institucións, comezando polo propio alcalde, aos que formamos parte do Padroado de maneira totalmente altruista así como veciños do propio concello”.

Os interesados en visitar o Museo da Limia poden facelo os sábados e domingos de 11 a 13:30 horas e de 16:30 a 19 horas, ou no caso de grupos contactando no teléfono 988 465 883 ou no correo electrónico patronato@museodalimia.com para concertar unha visita entre semana.