Comunicado da A.VV. As Eiroás

Rematou a intervención na praza das Eiroás. Despois de varios meses agardando un resultado que xa se prevía desafortunado, pola propia xénese do proxecto; puidemos comprobar como a praza do barrio se viu substituída por un grande estacionamento. Unha das prazas con máis superficie da cidade, presidida ademáis por un fermoso monumento catalogado (como é o Pazo das Eiroás) fica así “relegada” á categoría de estacionamento ao servizo dun centro deportivo privado.

O centro da praza, no que hai cuase 20 anos se pedira insistentemente umha intervención para evitar os episodios de conducción temeraria -e mesmo os accidentes- que sufrimos os veciños durante unha boa temporada, é hoxe un estacionamento. A parte superior da praza, na beira dumha pequena zona verde coñecida como parque de Teresa Diéguez convertiuse tamén noutro estacionamento, que por ende dificulta -ás veces imposibilita- o acceso peonil dos veciños e das veciñas que acceden á súa vivenda pola rúa Campo.

As beiras do muro do pazo, onde múltiples xeracións da aldea [hoxe barrio] sentaron en bancos ou pedras de diversa índole convertíronse hoxe en… máis estacionamentos

Como queira que, con máis menos a mesma poboación e as mesmas dotacións (básicamente o CEIP das Eiroás) o barrio, e máis concretamente o entorno da praza, nunca tivo ningún problema de estacionamento, é doado chegar á conclusión que esta intervención está pensada para dar solución ás eivas ocasionadas pola chegada dun novo “veciño”.

O que non é tan doado de entender é como o “novo veciño” ofrece servizos a milleiros de socios, que contribúen coa súa cota económica, sen aportarlle solucións para o estacionamento dos seus vehículos.

E mentres, na “realidade paralela” da veciñanza (que por veces semella a parte máis molesta para algúns), non só non apreciamos ningumha mellora con esta obra, senón que nos atopamos con serias eivas que veñen a dificultar máis a vida cotiá do barrio:

A única vivenda existente na praza, construida hai máis de medio século, viu como se lle xeneraban desniveis de até 40 centímetros nas entradas ao seu fogar e ao seu garaxe desde a superficie da praza, situación aínda hoxe non solventada e pola que perderon estes accesos.

As beirarrúas foron deseñadas sen cumprir as medidas mínimas, deixando nalgún caso un poste xusto no medio do trazado.

Dificultáronse os usos da praza para as distintas intervencións emandas da comunidade (por intervir no firme, consolidar un grande incremento do tráfico rodado…).

Ademais das circunstancias anteriormente citadas de dificultar o acceso peonil pola rúa do Campo ou a supresión de diversos espazos de lecer para a veciñanza.

E máis aínda. No espazo no que se deseñou e executou esta obra por parte do Concello de Ourense, tampouco se melloraron as condicións de accesibilidade que puideran favorecer ás veciñas e aos veciños. A propia beirarrúa que continúa desde a praza até o centro deportivo pola rúa do Pazo segue sen cumprir as medidas mínimas para a circulación de peóns. Ademáis remata desembocando nun paso de peóns coa esquina en ángulo e sen rebaixe ningún.

É dicer, a totalidade dos arranxos da obra da praza das Eiroás e rúa do Pazo está estrictamente orientada ao tránsito e ao estacionamento de vehículo. Tanto os accesos á praza como as rúas circundantes ao pazo das Eiroás continúan con serios problemas de accesibilidade. E se a todo o anterior engadimos que a dotación deportiva non goza dos estacionamentos mínimos que marca a lei para as/os seus/súas asociadas/os, empregando para este menester espazos privados ou destinados no plan urbanístico a outros usos, hai algo que cheira ao norte da cidade, ou dito noutras palabras, parece que alguén decidiu que pagaramos con cuartos públicos unha obra que debera acometer unha empresa privada para xustificar a importante concesión da que goza.

Lois Pardo, presidente da A VV As Eiroás