Durante os vindeiros días 30 e 31 de xullo, o municipio ourensá acollerá a celebración da VII edición do “Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas – I Encontro Infantil”.

Manzaneda, lugar de encontro do mundo da gaita esta fin de semana

A VII edición do “Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas – I Encontro Infantil” será un ano máis no municipio de Manzaneda, o lugar de encontro e de referencia para o mundo da gaita, durante os vindeiros días 30 e 31 de xullo. Na presentación desta tradicional celebración participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, o alcalde de Manzaneda, David Rodríguez; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e o director xeral de Oca Nova Manzaneda, Gustavo Samartín.

Rosendo Fernández explicou que esta edición conta con novidades importantes “como a celebración do primeiro encontro infantil; ou a noite celta, que compaxina a simbiose de música e natureza, que ofrece forza telúrica e espiritual a noite de Manzaneda”.

Actos

O programa da celebración comeza o día 30 de xullo, ás 22.00 horas coa celebración da Noite Celta, onde actuarán Óscar Ibáñez (Trio), Cantareiras da Real Banda, Real Xuvenil, e Lapsus Gaita. Ao día seguinte, o 31 de xullo, comezan as actuacións ás 11.00 horas na categoría Senior, na que interveñen seis grupos, e seguidamente, ás 11.40 horas, terán lugar as actuacións infantís que rematarán cun concurso de gaiteiros solistas. Posteriormente, celebraranse as actuacións de 2º Grao e 1º Grao, e a xornada finalizará coa entrega de diplomas e medallas.

Esta sétima edición do certame ten unha nova dimensión, “esta é a fase final do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas e Encontro Infantil, con dúas partes, unha competitiva para as Bandas máis profesionais, e outra educativa para grupos de nenos, polo tanto, enfocamos este evento dunha maneira máis didáctica e instrutiva. Haberá seis xuíces instrutores que emiten uns informes construtivos, para axudar no comportamento dos rapaces e tamén desde o punto de vista musical”, explicou o director da Escola de Gaitas.

O alcalde de Manzaneda agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e das diferentes entidades para poder levar a cabo este certame, e animou á xente “a asistir a este evento no cumio de Galicia e gozar do noso instrumento por excelencia”, dixo David Rodríguez.