O ano pasado aumentou a superficie, os operadores e a produción ecolóxica.

A agricultura ecolóxica crece en Ourense

O presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) José Antonio Fernández, o secretario, Javier García Serrano, e o vicepresidente, Albino Fernández, presentaron este xoves en Ourense o balance da produción ecolóxica na nosa provincia, con datos do ano pasado e dos primeiros sete meses de 2016.

A agricultura ecolóxica aínda non chega a representar o 5% do total do sector primario galego, pero é “un dos sectores con maior crecemento en superficie, en facturación e en operadores”, explicaba o presidente do CRAEGA. Unha maior concienciación medioambiental e unha aposta polo mundo rural por parte dos produtores, así como unha maior preocupación sobre o que comemos por parte dos consumidores están detrás desta tendencia alcista. Ao redor do 50% da produción expórtase fóra da península e o outro 50% consúmese no mercado local.

Incremento da superficie ecolóxica

Os datos  facilitados polo CRAEGA reflexan que a superficie ecolóxica inscrita en 2015 foi en toda Galicia de 20.306 hectáreas, un 33,30% máis que o ano anterior. En Ourense, foron 8.091 as hectáreas rexistradas, un 34,48% máis que en 2015. Este incremento continúa neste 2016: a 15 de xullo, as hectáreas inscritas eran 8.422 na nosa provincia.

Do total desta superficie, a maior parte destínase a gandeiría e pastos, 7.760 ha., que representan máis do 43% da superficie dedicada a gandería en toda a Comunidade. A castaña suma outras 142 hectáreas, os cereais 80 e o viñedo 42, máis da metade de toda a superficie dedicada a viño ecolóxico en Galicia.

Incremento dos operadores

No último ano tamén aumentaron os operadores que elixen agricultura ecolóxica. En toda Galicia había en 2015 797 operadores rexistrados no CRAEGA (626 produtores e 171 elaboradores). A 15 de xullo de 2016 xa son 903. Na provincia ourensá a maior parte deles (48 dun total de 122) dedícanse á produción animal.

Incremento da produción certificada

No último ano creceu, asemade, o valor de negocio da agricultura ecolóxica. A produción certificada en Galicia sumou en 2015 33,3 millóns de euros, un 6,76% máis que en 2014; mentres que no caso particular de Ourense o crecemento foi do 30,31% (pasou de 2,9 millóns en 2014 a 3,8 millóns en 2015). Do total de crecemento o ano pasado, case que a metade foi achegada polos produtores ourensáns.  Os principais produtos certificados en Ourense son carne e derivados (o 59,81% do total), seguido de aceite (17%), leite e derivados (8,92%) e produtos apícolas (6,65%).

O CRAEGA é o organismo que se se encarga de conceder “un DNI aos produtos ecolóxicos”, unha certificación que se asigna “tras rigorosas inspeccións”, precisaba o seu presidente.