Proximamente darán comezo a segunda fase das obras de remodelación cun orzamento que rolda os 60.000 euros.

Rueda visita Ourense para comentar as próximas melloras da casa consistorial

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este venres a casa consistorial da cidade das Burgas, acompañado polo seu alcalde, Jesús Vázquez e pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, onde incidiu na importancia da cooperación entre Administracións para poder ofrecer o  mellor servizo aos cidadáns, como é no caso da remodelación da casa consistorial do concello de Ourense.

Proximamente dará comezo a segunda fase das obras de rehabilitación da casa consistorial da capital das Burgas coa renovación das carpinterías do baixo e do terceiro andar, cun orzamento que rolda os 60.000 euros, despois de que xa rematara a primeira fase das obras no segundo andar.

O pasado mes de outubro, a Xunta asinou co concello de Ourense un convenio de cooperación para a remodelación da planta segunda da casa consistorial da capital das Burgas, cun orzamento global de preto de 60.000 euros, dos que o goberno galego aportou o 80%, o que permitiu mellorar a seguridade do edificio, aproveitar mellor os espazos, beneficiando non só aos traballadores do concello, senón a todos os ourensáns.

A Xunta segue traballando en prol das Facendas locais, e nos últimos anos, en plena crise, mantivéronse e mesmo subíronse as cantidades destinadas á cooperación cos concellos, coma son o Fondo de Cooperación Local, o Fondo de Fusións, aos que se suman o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de Infraestruturas de uso público e as recentemente publicadas no DOG, tanto para os concellos como para as entidades sociais da nosa comunidade, que entre as dúas ordes ascenden a 5 millóns de euros.