A cooperativa implantará un sistema para refrixerar os pavos a través da inmersión en auga fría.

A Xunta resalta a aposta pola eficiencia enerxética de Coren

O director xeral de Enerxía e Minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, destacou durante a súa visita ás instalacións de Coren o compromiso desta empresa polo aforro e a eficiencia enerxética a través dun novo proxecto que permitirá a refrixeración dos pavos mediante inmersión en auga fría, o que mellora o proceso de produción.

Bernardo Tahoces sinalou que o novo proxecto de Coren é un exemplo da importancia de desenvolver medidas que favorezan a promoción da eficiencia enerxética no sector industrial galego. Neste sentido, asegurou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora coa empresa nesta iniciativa que contribúe a impulsar a súa competitividade ao tempo que supón unha mellora ambiental.

O director xeral de Enerxía e Minas indicou que a nova iniciativa que desenvolverá Coren supón non só garantir a continuidade das políticas de modernización e renovación das instalacións da compañía, senón que tamén é unha aposta clara por ofrecer un produto de máis calidade ao consumidor.

Bernardo Tahoces tamén recordou que, entre outros proxectos e dentro desta liña de colaboración para mellorar a eficiencia enerxética, Coren e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), xunto a EnergyLab, desenvolven un proxecto colaborativo na procura de xerar enerxía térmica a partir da combustión dos residuos con biomasa forestal.

Este proxecto encádrase no marco da Unidade Mixta de Innovación coa que o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), Coren e a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), traballan co obxectivo de que as empresas cárnicas conten con novas solucións para afrontar os grandes retos de futuro, como favorecer a creación de produtos innovadores e máis axustados á demanda do mercado, mellorar a xestión responsable de residuos e promover explotacións máis eficientes e rendibles.