O alcalde mantivo unha reunión de traballo con técnicos e concelleiros co fin de establecer un protocolo, e buscar a cooperación de organismos públicos e privados para a súa financiación.

O Concello planifica estratexias para avanzar na eficiencia enerxética

A planificación e deseño de proxectos estratéxicos segue a ser un dos eixos da xestión municipal no Concello de Ourense. Por ese motivo, tivo lugar este venres unha reunión, presidida polo alcalde, Jesús Vázquez, no que ademais de técnicos, participaron tamén os concelleiros José Araújo e Jorge Pumar.

O obxecto desta reunión de traballo foi sentar as bases e os plantexamentos para establecer un protocolo co que deseñar accións municipais en materia enerxética e buscar a cooperación de organismos públicos e privados para a súa financiación e desenvolvemento. Neste senso, o Concello de Ourense xa estebleceu contactos con responsables do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), co fin de que este organismo tutele o devandito protocolo, co fin de potenciar os recursos propios, establecer proxectos estratéxicos e demostrativos e acadar posibles liñas e fontes de financiación para os mesmos.

No encontro deuse conta de proxectos xa en marcha, como o proxecto GEOAtlantic que está optando nestes intres á primeira convocatoria do Programa Interreg Espacio Atlántico 2014-2020. Este programa subvenciona propostas de cooperación entre distintas organizacións das rexións da costa atlántica de Europa. O proxecto que promove o Concello pretende estudar as posibilidades de desenvolvemento da enerxía xeotérmica no territorio como fonte de enerxía renovable e impulsar proxectos demostrativos da súa utilización.

Para executar o proxecto o Concello conta como socios a institucións de España, Portugal, Reino Unido, Francia e Irlanda: Energylab, o Instituto Tecnológico y de Energías Renovables de Tenerife, a Associação de Municipios da Cova da Beira, o Instituto de Ciência e Inovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial, as axencias escocesas de enerxía Islay Energy Trust e ALIenergy, a Agence Locale de l’Energie et du Climat métropole bordelaise et Gironde, e o Cork Institute of Technology.

O proxecto contaría, no caso de ser aprobado, cun orzamento total de 2.850.000 euros para todos os socios, dos que o 75% estaría subvencionado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.