A primeira decisión de campaña adoptada polo comité, foi a creación nas redes sociais de dous novos perfís en Facebook e Twitter de apoio ao candidato Leiceaga.

O Comité de campaña do PsdeG de Ourense inicia o seu traballo

O Comité de campaña do PsdeG PSOE de Ourense mantivo a súa primeira reunión de traballo, este martes na sede do PSdeG de Ourense, en Ribeira de Canedo, tras ser avalado pola Executiva municipal e nacional do PSOE.

A primeira decisión de campaña adoptada polo comité, foi a creación nas redes sociais de dous novos perfís en Facebook (Ourense con Leiceaga) e Twitter (OuconLeiceaga2016), cos que dende Ourense se quere manifestar o apoio ao candidato socialista á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, ao tempo que se mantén ao día da actividade, traballo e novas levadas a cabo polos membros do partido na cidade.

A secretaria xeral do PSdeG na cidade, Carmen Dacosta, e candidata número 3 por Ourense, subliñou “a importancia destas eleccións, para por freno ás políticas do Partido Popular e o seu desprecio pola nosa cidade”.

Dende Ourense se confía en “dar unha nova resposta”, tal e como reza o lema socialista para estas eleccións autonómicas, ás necesidades dos galegos e as galegas en xeral e dos ourensáns e ourensás en particular. “O Partido Socialista, e Leiceaga coma presidente da Xunta, son a única garantía de apoio a Ourense coma capital termal de Galicia. É a única garantía de que se destinen os recursos necesarios para por en marcha o tan demandado transporte metropolitano, sen menoscabo dos intereses da cidade, e sen cargo aos orzamentos do noso Concello, como pretende o modelo imposto pola Xunta ao alcalde popular. Así, é tamén a única garantía para pór en valor a sanidade pública, que iniciou un goberno socialista na cidade, coa posta en marcha da construcción de dous novos centros de saúde e so é posible rematar, cun goberno comprometido coa xente, cun goberno socialista na Xunta”, afirmou Carmen Dacosta, na primeira reunión do Comité de campaña.

“Imos traballar xuntos pola nosa cidade e pór o énfase en asegurar un socialista na presidencia da Xunta de Galicia, para que Ourense recupere o lugar que lle corresponde” asegurou a secretaria xeral.

Composición do comité de campaña
Carmen Dacosta será a coordinadora do equipo que fará fronte ao traballo de cara as vindeiras eleccións autonómicas, da man de Pablo López Vidal coma vicecoordinador e Alberto Fidalgo á fronte da organización electoral.

O traballo dividirase en equipos, en canto ás diferentes función que se levan a cabo, para unha mellor optimización dos medios humanos e materiais dos que dispón o Partido Socialista e coa vontade de realizar o maior esforzo posible de cara a gañar as vindeiras eleccións. Os equipos serán: programa electoral, estratexia, xornada electoral, administración e recursos, comunicación, mobilización, asesoría e apoio e loxística.