As actividades veciñais centraranse, no último trimestre do ano, no coñecemento do entorno.

A área de Igualdade retoma as actividades de dinamización rural

A Área de Igualdade do Concello de Allariz comeza o novo curso retomando as actividades que se veñen desenvolvendo, dende hai anos, nas asociacións veciñais.

Na maioría mulleres, aínda que tamén algún home, asisten ás actividades organizadas coa finalidade, segundo explica a técnica Ana Cardoso, “ de cuestionar as identidades, de xeito que vivamos máis felices e consigamos dotar de autonomía e liderado aos homes e mulleres que habitan o rural”.

No último trimestre do ano, as actividades centraranse no coñecemento do entorno e o compartimento do tempo de lecer. Así, a asociación veciñal de Nanín visitará, na vindeira semana, o Festival Internacional de Xardíns de Allariz e a asociación veciñal de Torneiros coñecerá o Museo da Moda de Allariz.

A dinamización do rural dende a perspectiva de xénero é un dos principais obxectivos que o Concello de Allariz persegue a través da realización de diversas actividades organizadas polo departamento de Benestar Social. Así, téñense realizado actividades relacionadas coa estimulación cognitiva, o autocoidado, a igualdade ou o empoderamento. Algunhas destas experiencias concluíron en proxectos novidosos como “As bicicletas son para as mulleres” ou “As herbas mediciñais”.