O prazo para recibir orixinais está aberto ata o 18 de novembro.

Xinzo convoca o concurso de carteis para o Entroido

Con motivo da celebración do Entroido de 2017 a Comisión Organizadora e a Concellería de Cultura, Deportes, Educación, Festexos e Xuventude do Concello de Xinzo de Limia convocan un concurso de carteis.

As bases indican que poderán tomar parte no concurso todos os creadores españois ou estranxeiros que así o desexen, cun só traballo por participante ou colectivo, sendo condición indispensable que as obras sexan orixinais.

Os traballos presentados terán como única identificación un lema. O incumprimento desta norma será motivo de descualificación. O lema presentarase escrito no exterior dun sobre pechado. No interior do sobre xuntarase unha fotocopia do DNI do autor/a e información co nome artístico -de estimalo oportuno-, enderezo actual e teléfono. Os sobres abriranse despois da decisión do Xurado. Os concursantes responsabilízanse totalmente de que non existen dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como renuncian a toda reclamación por dereitos de imaxe.

O formato único será vertical con tamaño de 50 x 70cm (non servirán formatos proporcionais). Presentaranse montados sobre un bastidor ríxido. Non existirán límites de tintas nin técnicas. No caso de que a obra sexa presentada con sistemas informáticos, aportarán ademais da reprodución a cor que reúna os requisitos sinalados, o correspondente soporte magneto/óptico con todos os ficheiros necesarios para a obtención de fotolitos xunto coas fontes utilizadas, e no seu caso, os orixinais das imaxes utilizadas.

O cartel imprimirase en offset. O autor poderá indicar en Pantone as cores empregadas.

As obras levarán como único texto ENTROIDO 201 7-XINZO DE LIMIA do 4 de febreiro ao 5 de marzo e debaixo Entroido 24, 25, 26, 27 e 28 de febreiro. Festa declarada de interese turístico nacional. Ou coa fórmula: 4 de febreiro PETARDAZO, 5 de febreiro FARELEIRO, 11 de febreiro COLGAMENTO DO MECO, 12 de febreiro OLEIRO, 18 de febreiro SÁBADO CORREDOIRO, 19 de febreiro DOMINGO CORREDOIRO, 24, 25, 26, 27 e 28 de febreiro ENTROIDO, 1 de marzo ENTERRO DA SARDIÑA e 5 de marzo DOMINGO DE PIÑATA.

O tema será de libre elección e interpretación do autor debendo reflexar o sentimento do entroido de Xinzo en todas as súas facetas.

A data límite para a presentación dos traballos é o 18 de novembro de 2016. No caso de envíos por Correos ou por empresas de mensaxería, non se admitirán entregas a partir das 14:00 h. dese día. As obras entregaranse no Concello de Xinzo de Limia, rúa Curros Enriquez, 15; ou na Casa da Cultura na rúa Curros Enríquez 17, 32630 Xinzo de Limia.

O Xurado Cualificador encargado de seleccionar o cartel gañador estará conformado polos seguintes integrantes: seis membros da Comisión do Entroido 2017 (1 voto cada un), catro asesores técnicos (4 votos), voto cidadán (3 votos ).

Para garantir a limpeza do proceso de votación colaborarán: un representante do persoal do concello con voz pero sen voto. Actuarán como notarios un representante de cada grupo da corporación municipal con voz, pero sen voto, como garantes do proceso.

O voto popular consistirá no cómputo final dos votos recollidos na biblioteca Antelana na Casa da Cultura entre as 15:30 h do dia 21 de novembro luns ata o xoves 24 de novembro, ambos incluidos.

As decisións do Xurado serán inapelables e faranse públicas a través dos medios de comunicación. De estimalo necesario, o Xurado poderá propor melloras a algún dos traballos presentados para, de ser aceptadas polo/a autor/a, premialo; ou poderá propor que o concurso quede deserto. Todos/as os/as que concursen recibirán información por escrito dos acordos do Xurado. Os convocantes do concurso corrixirán os posibles erros dos textos que figuren nas obras e resérvanse a facultade de incluír logotipos ou anagramas na composición definitiva do cartel.

O premio consistirá na edición do cartel seleccionado e nunha dotación económica de 500 euros. O cartel premiado será propiedade do Concello de Xinzo de Limia. Dita propiedade inclúe todos os dereitos inherentes á súa libre reprodución, difusión e no seu caso transmisión. O Concello de Xinzo de Limia reservase todos os dereitos de propiedade material e uso do cartel premiado e dos distintos elementos que o conformen, xuntos ou por separado, así como a súa manipulación e adaptación para adecualo nos diferentes soportes publicitarios.

Os traballos non premiados deberán ser retirados despois de 20 días de feito público o fallo do xurado. Se no prazo indicado non se retiraron, entenderase que os seus autores renuncian á súa propiedade a favor do Concello de Xinzo, quen poderá destruílos ou darlies o destino que considere máis conveniente ou oportuno. A participación neste concurso supón a aceptación de todas e cada unha das bases. A interpretación ou modificación, no caso de precisala, das presentes Bases, é un dereito exclusivo da Comisión Organizadora e do Concello de Xinzo de Limia.