A instalación de alta seguridade ten 67 metros cadrados preparados para a custodia de todo tipo de soportes documentais de carácter confidencial

Tecnópole pon a disposición das empresas un búnker de alta seguridade

Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole vén de poñer a disposición do tecido empresarial galego un búnker de alta seguridade preparado para a custodia de todo tipo de documentos sensibles en calquera soporte, xa sexa en papel ou electrónico.

Esta instalación, situada no edificio intelixente Tecnópole I, conta con 67 metros cadrados de superficie e tres metros de altura dispoñibles para o almacenamento de información confidencial, máis unha oficina anexa. Os sistemas de acceso e de seguridade son de última tecnoloxía, ao mesmo nivel que os utilizados en bancos, xoierías e administracións de lotería, por exemplo. Os paneis da cámara acoirazada, selados mediante soldadura eléctrica, están testados e certificados nos niveis máximos de seguridade.

Conta cunha porta acoirazada con trampón de emerxencia e mecanismo de peche con dobre chave de seguridade e combinación electrónica tanto para a porta principal como para o trampón, ademais da posibilidade de acceder con lector de pegada.

O búnker conta cun sistema individual de climatización para garantir a axeitada conservación da documentación e un sistema propio de extinción de incendios.