A Consellería achegará 60.000 euros para acondicionar a planta baixa da residencia do antigo poboado de Prada.

Medio Rural colaborará coa posta en marcha dunha planta de envasado de mel na Veiga

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Veiga, Juan Anta, asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha industria de extracción e envasado de mel e derivados no lugar de Prada.

A través deste acordo, a Consellería achegará 60.000 euros para acondicionar a planta baixa da residencia do antigo poboado de Prada. O orzamento total das obras ascende a 135.416 euros e o proxecto inclúe toda a maquinaria e infraestrutura necesaria para a extracción e envasado de mel. O resto da contía será facilitada polo concello, que será o responsable de manter as instalacións unha vez rematadas.

Este novo centro de apicultura no só será unha industria en si mesma, senón que ten diferentes liñas de actuación. Está previsto que ofreza formación técnica continuada aos apicultores, en especial aqueles non profesionais, dará apoio tamén nas instalacións dos produtores para incrementar a capacidade das súas colmeas e no novo centro se compartirá a maquinaria necesaria co fin de optimizar os custos de produción fomentando a estrutura colaborativa no sector apícola. De feito, o goberno local comprométese tamén a través desta sinatura a promover a creación dunha cooperativa entre os produtores locais e crear un selo de calidade para comercializar os produtos con estritos criterios de calidade.

A través deste centro preténdese fomentar a comercialización conxunta da produción da zona, apostando pola estratexia de promoción específica de mel de alta montaña e salientando o valor engadido daquela que procede de espazos naturais como, neste caso, o de Pena Trevinca.

Durante a sinatura do convenio, Ángeles Vázquez sinalou que é un pracer colaborar con proxectos coma este cunha aplicación práctica tan directa e que potencian a competitividade do sector apícola nunha zona desfavorecida. Nesta mesma liña mostrouse o rexedor, que agradeceu a achega da Xunta para un proxecto que “realmente mellorará a calidade de vida de moitas familias”.

A apicultura é unha actividade de produción primaria fundamental no concello da Veiga e o mel resultante véndese a nivel local. A través desta acción preténdese contribuír á xeración de emprego estable para fixar veciños no rural, así como mellorar as condicións e os medios de vida sostibles para preservar as poboacións nas zonas de montaña.