Maceda súmase ás conmemoracións do 25N

O Concello de Maceda organiza diversos actos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Ao longo dos meses de outubro e novembro o Concello de Maceda, a través do Centro de Información á Muller, vén desenvolvendo actividades de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero nos centros educativos da localidade, en concreto o IX Certame de Carteis contra a Violencia de Xénero dirixido ao alumnado de 6º de Primaria do C.E.I.P. de Maceda e o Obradoiro de Prevención da Violencia de Xénero dirixido ao alumnado de 4º de E.S.O. do I.E.S. San Mamede.

O mércores 23 de novembro entre as 10:00 e as 12:00 horas na entrada nova do Concello haberá unha mesa informativa e unha exposición sobre a problemática da violencia de xénero dende distintas perspectivas, a cargo da asociación Xarela.

O venres 25 de novembro ás 12:00 horas na Praza das Toldas terá lugar a lectura do manifesto institucional con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que irá seguido dun minuto de silencio en memoria das mulleres vítimas e unha acción teatral a cargo do alumnado de 4º de E.S.O. do I.E.S. San Mamede e 6º de Primaria do C.E.I.P. de Maceda.

O sábado 26 de novembro a partir das 16:30 horas celebrarase a 9ª edición da Andaina contra a Violencia de Xénero, que comezará cun acto conmemorativo no Salón de Plenos do Concello coa intervención do alcalde, Rubén Quintas, e persoas voluntarias da Cruz Vermella de Maceda, quen presentarán a campaña de Cruz Vermella Xuventude, dando paso á andaina polo paseo fluvial, ao longo da cal se realizarán diversas actividades para sensibilizar á cidadanía ante esta lacra social.