Este ano o Goberno Galego concedeu 20 obradoiros de emprego na provincia de Ourense.

20 desempregados fórmanse en traballos forestais en Celanova

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o obradoiro de emprego “Bioleboreiro” que se está a desenvolver nos concellos ourensáns de Celanova, Bande e Verea e que conta con 20 alumnos. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se benefician outras 5 persoas destes concellos que forman parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo.

O alumnado compaxina unha formación teórico-práctica de traballos forestais e viverismo forestal co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 180.000 euros. Este programa mixto de formación e emprego dará continuidade ao celebrado o pasado ano e que se centrou nos sectores da apicultura, micoloxía e pastelería e confeitaría.

Na visita, Díaz Mouteira estivo acompañada dos alcaldes dos tres concellos beneficiados por esta iniciativa de emprego e do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Tomás Paz.

Marisol Díaz salientou que “apostar pola formación e a aprendizaxe é apostar pola creación de empregos estables e de calidade” e neste senso indicou que unha das prioridades do Goberno galego é mellorar a cualificación dos traballadores e traballadoras, ofrecéndolles unha formación vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional, como é o caso dos obradoiros.

A delegada territorial explicou que ante o éxito acadado o ano pasado co obradoiro de emprego “Terras de Rosendo” a Xunta decidiu conceder de novo un programa mixto de formación e emprego a estes tres concellos. A máxima representante do Goberno galego en Ourense subliñou que esta iniciativa contribuíu á realización dun servizo para a comunidade, xa que os alumnos e alumnas elaboraron e comercializaron produtos propios das comarcas de Terras de Celanova e da Baixa Limia para darlle un pulo ao desenvolvemento económico destas zonas e seguir a dinamizar o Camiño de San Rosendo.

Actuacións proxectadas
O obradoiro deste ano ofrece formación e emprego a 20 persoas desempregadas durante 6 meses e conta con dúas especialidades: traballos forestais e viveirismo forestal. O persoal a cargo do curso estará formado por un director, un titor, dous docentes e unha persoa administrativa de apoio.

O fin do obradoiro é a formación nestas especialidades e, concretamente, levarán a cabo traballos relacionados coa biomasa dos monte dos municipios que comparten esta iniciativa. Así, ata o próximo mes de marzo os alumnos están a desenvolver repoboacións forestais con especies adecuadas, traballos de correción hidrolóxico-forestal para evitar erosións, labores de apeo e procesado de árbores con motoserra e colleitadora forestal, desemboque e tratamento de subprodutos forestais e tarefas de descorche.

Marisol Díaz indicou que estes programas fomentan a colaboración institucional, xa que se realizan en coordinación coas Administracións locais.

Na provincia estanse a desenvolver 20 obradoiros de emprego que benefician a preto de 400 persoas en situación de desemprego dun total de 75 concellos ourensáns.