O 17º Salón da Xuventude celébrase en Expourense do 5 ao 8 de decembro.

Megaxove presenta máis de 150 actividades

Expourense remata o calendario feiral do 2016 coa celebración de Megaxove, que dende o 5 ata o 8 de decembro, ofrecerá máis de 150 actividades de lecer e deportivas que converterán o recinto no punto de encontro da mocidade galega durante a vindeira semana. Nunha superficie de 8.000 metros cadrados daranse cita 26 expositores entre federacións e clubes deportivos, asociacións culturais e xuvenís de toda Galicia.

Expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ao medio ambiente. Megaxove convértese así na mellor opción estes días festivos e nun evento dirixido a toda a familia onde gozar pero tamén aprender a ser solidarios ou a prevención do acoso escolar.

O Salón da Xuventude ofrece a posibilidade de practicar actividades xa coñecidas polos visitantes, pero serve tamén de plataforma de promoción e descubrimento doutras actividades vencelladas ó tempo libre, á cultura ou ó deporte. Nesta cita ten cabida todo aquelo que anime á participación activa e á adopción de hábitos saudables. Cada rapaz e rapaza poderá escoller libremente en qué quere investir o seu

tempo de lecer: dende xogos populares e tradicionais ata a zona de videoxogos ou dende deportes populares como o fútbol sala, o karate, o o kickboxing ou o xadrez ata outros menos coñecidos como a halterofilia ou a esgrima ou a loita grecorromana.

Novidades

Entre as novidades do programa de actividades de Megaxove 2016 destacan as organizadas pola Concellería de Xuventude de Ourense que preparou un extenso programa de actividades entre as que se atopan algunhas das máis chamativas desta edición. A maioría delas están orientadas en atraer ao salón a público adolescente, a partir de 10 ou 12 anos como é o caso das enmarcadas na área denominada “Pulpo Extreme” que ofrecerá actividades o obradoiros de Skate, Roller e BMX e tamén de tatuaxes, circo e malabares.

Ademais destas actividades, a Concellería de Xuventude organizará unha nova edición do campionato FIFA e de Megasalextric.

Torneos
O deporte será coma sempre un dos grandes protagonistas de Megaxove, que continuará promocionando disciplinas como poden ser o o karate, o wu-shu, o kickboxing, ou a esgrima. Expourense é o lugar elixido por numerosas asociacións e federacións para dar a coñecer estes deportes, programando exhibicións e torneos que xa contan cunha longa traxectoria como, por exemplo o X Torneo de Halterofilia, que convoca a deportistas de toda Galicia e Castela e León.

Tamén se desputarán torneos de judo, fútbol, babybasket e xadrez, entre outros. Celebrarase unha nova edición da Copa Megaxove de Wu-shu nas categorías infantil e de adultos. Ademais das probas, tamén se fomentará a participación activa do público a través de xogos, adestramentos ou clases de iniciación que se poderán practicar no salón con monitores profesionais.

Ademais, os xogadores do Clube Ourense Baloncesto achegaranse ata Megaxove para asinar autógrafos e sacar fotos entre o público presente.

Entre as asociacións participantes destaca a Fundación Cipri Gomes, esta Fundación, que colaborará por sexto ano consecutivo en Megaxove, convocará a multitude de nenos e adultos das 20 escolas deportivas coas que conta nas catro provincias galegas e tamén de Portugal. Esta Fundación organizará no salón actividades vencelladas co kickboxing e o karate pero tamén impartirán clases de pintura, obradoitros de dj’s, informática, globoflexia, patinaxe ou minichef. Este ano como novidade impartirá un obradoiro de defensa persoal que incluirá a participación de psicológos e axentes se seguridade para previr e identificar casos de acoso escolar.

Participación aberta a todos

Ademais das actividades xa mencionadas, Megaxove ofrece moitas opcións de entretemento e diversión para aqueles mozos ou nenos que, acompañados polas súas familias, se acheguen ata Expourense durante estes días. Aquí poderán atoparse dende inchables, carruseis, ludochán e bebechán, ou xogos populares, ademais de obradoiros de multitude de traballos manuais organizados por entidades como Amencer. Estes xogos tradicionais convivirán coa Ciber Aula e coa Zona de videoxogos.

Asociacións ou entidades coma o Banco de Alimentos de Ourense, dan a coñecer durante este evento o traballo que realizan ao longo de todo o ano. Estas entidades aproveitarán esta cita para promover a recollida de produtos alimentarios na “Operación Quilo MEGAXOVE” e destinalos ás familias que máis o precisan nestes momentos. Pola súa parte, entidades como a Cruz Vermella impartirán obradoiros de reciclaxe. Estas actividades contan co apoio da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Megaxove, de entrada gratuíta, permanecerá aberto en Expourense dende o luns 5 ata o xoves 8. O horario será de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 h. os días lectivos (5 e 7) e de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h. os días festivos (6 e 8).