No pavillón de deportes funcionará un parque de atraccións infantil.

A Casa da Cultura centraliza os actos de Nadal de Xinzo

A programación de Nadal organizada en Xinzo comeza o 16 de decembro, coa Gala de Nadal da Academia Danzón na Casa da Cultura. O día seguinte, 17, os diferentes grupos de teatro Aneis representarán varias obras no mesmo recinto, que acollerá o mércores 21, o certame de Nadal do alumnado do Conservatorio Profesional de Música e o xoves 22 o Festival de Nadal da Escola Municipal de Gaitas e Percusión.

O venres 23, Fusión Fitness realizará unha coreografía especial de Nadal en plena praza Maior de Xinzo, a partir das 20 horas. Na mesma xornada e á mesma hora, María do Ceo dará un concerto na igrexa Nova de Xinzo.

O luns 26, haberá un concerto para público infantil e familiar na Casa da Cultura, “Cantarolas para xente miúda”, que dará comezo ás 19 horas. O mércores 28 será a ocasión do musical infantil “seven, o número máxico”, que se representará no recinto cultural ás 17 horas.

O xoves 29 haberá un concerto de Nadal a cargo da Coral de Santa Mariña, e o venres 30 o Festival de Nadal da Escola de Música da Agrupación Musical da Limia.
E finalmente o 7 de xaneiro a Agrupación Musical da Limia celebra o seu Concerto de Reis na Igrexa Nova, ás 20 horas.

Parque de atraccións
Outros dos atractivos destas datas festivas será Limialandia, un parque de atraccións que se instalará no pavillón de deportes do 23 de decembro ao 5 de xaneiro, en horario de 15:30 a 21 horas. Así como a cabalgata dos Reis Magos na tarde do día 5, a partir das 17 horas.

Campañas do comercio
Este ano os comerciantes de Xinzo lanzaron dúas iniciativas para incentivar as compras na campaña de Nadal.

Dunha banda, ao realizar compras nos establecementos colaboradores, os clientes participarán no sorteo dun cruceiro polo Mediterráneo.

Doutra, desenvolven unha campaña en redes sociais, invitando a subir fotografías á páxina de Facebook Merca en Xinzo co hashtag #eumercoenxinzo con fin de conseguir o maximo número de “ me gustas” e gañar un book fotográfico.