Organiza actividades infantís, presentación de libros e exposicións.

A Fundación Curros Enríquez colabora no programa de Nadal de Celanova

Un ano máis a Fundación Curros Enríquez colabora na programación de Nadal co Concello de Celanova coa organización de diversas actividades: obradoiros de Nadal para nenos, presentación de libros e exposicións na Casa dos Poetas.

Durante o mes de decembro poderanse visitar dúas mostras na Casa dos Poetas. Ata o domingo18 de decembro ‘Manuel María. Beleza, amor e compromiso’, organizada pola Casa Museo Manuel María e a Xunta de Galicia e formada por doce paneis con contidos sobre a vida e obra do escritor. Mantense na segunda pranta do edificio a mostra ‘Carlos Casares e a fotografía’ organizada pola Fundación Carlos Casares.

Ademais, o 29 de decembro, ás 19:30 horas, haberá a presentación do libro “Todo ser humano é un río” de Manuel Veiga.

Para os máis pequenos da vila, estase a celebrar un obradoiro de elaboración de doces de Nadal da man do cociñeiro Martín Álvarez que rematará o sábado 17 de decembro. Os cativos aprenderán a elaborar polvoróns, turrón, guilache, biscoitos… para que as celebracións familiares teñan postre caseiro.

A partir do 22 de decembro chegarán os xogos, manualidades, maquillaxe, teatro… son algunhas das actividades que se impartirán na Ludoteca de Nadal, que abrirá ata o 30 de decembro, de 11 a 13 horas, na Casa dos Poetas, con algunha sesión no AMIC tamén. A ludoteca está destinada a nenos de entre 4 e 12 anos.

Os obradoiros para nenos poderanse continuar desde o 2 ao 4 de xaneiro, onde a música será a protagonista. O obradoiro “A ritmo de Nadal” terá lugar na Casa dos Poetas de novo de 11 a 13 horas.