Entrevista ao escritor Jorge Emilio Bóveda, que en 2017 ten previsto publicar dúas novas novelas.

“Conseguín o que quería, que é publicar sen gañar ningún premio literario”

Escritor e mestre de lingua inglesa no colexio Curros Enríquez de Celanova, Jorge Emilio Bóveda (Ourense, 1975) ten publicado cinco novelas en galego (‘A Vila das Ánimas’, ‘A habitación secreta’, ‘Divina de la muerte: asasinato no centro comercial’, ‘O sol do pasado’ e ‘A morte vén en chancletas’), dous ensaios (‘A xanela escura’ e ‘A xanela insólita’) e varios relatos de corte fantástico en varios números da obra colectiva ‘Contos estraños’ de Urco editora. Previamente autoeditara outras nove obras –en galego e castelán-, e de cara a 2017, verán a luz outras dúas obras máis.

Desde que che entrevistáramos en 2013, con motivo da saída de ‘Divina de la muerte’ non paraches de escribir e publicar.
Jorge Emilio Bóveda: “Non; é sempre un proceso creativo constante intentando conxugar os xéneros populares que son os que me chaman a atención desde pequeno cos temas de denuncia social e de crítica á humanidade, á forma de levar a vida que ten o xénero humano”.

De feito levas publicado, en década e media, unha trintena de obras, incluíndo participación en obras colectivas.
J.E.B.: “Si, pero quero matizar que comecei a ser publicado en 2010, antes eran autoedicións pagadas por min. Foi en 2010 con ‘A vila das ánimas’ de Toxosoutos cando empecei a ser considerado, entre aspas, no sistema literario galego”.

Algún xénero no que te sintas máis cómodo?
J.E.B.: “Soportando a manía das persoas por etiquetalo todo, a verdade é que me gusta a ficción científica, pero tampouco me gustaría que me etiquetasen. Tendo en conta os meus gustos e as miñas lecturas da adolescencia, síntome moi cómodo nel porque é un xénero propicio para escribir ideas fantásticas que se poden materializar no futuro e para predecir catástrofes, para utilizar a distopía para denunciar o que podería pasar. Sinto tamén moita atracción polos bolsilibros de Bruguera da época dos 70 e dos 80, porque me parecían unhas máquinas de traballar os escritores aqueles, que eran capaces de dar ao prelo unha novela por semana e vivían diso”.

Tes publicado en varias editoriais, como está a industria editorial en Galicia? Hai opción para novos escritores?
J.E.B.: “Si, si hai opcións. O camiño máis fácil é gañando un premio literario. Eu presenteime a varios pero deixei de facelo por preguiza, o trámite burocrático era tan tedioso para min que pasei a enviar directamente orixinais ás editoras. Constantemente, sen recibir resposta volvía mandar o mesmo, ou mandaba outro, e aí foron xurdindo as publicacións. A primeira vez, con David González Couso, que era o editor de Toxosoutos. Aceptou ‘A vila das ánimas’… foi unha cousa casual e espontánea porque contestou bastante rápido e non tiven que insistir. E despois o resto das veces foi enviando e enviando, non hai máis secreto”.

E agora xa te coñecen?
J.E.B.: Si, si, teño relación cos directores de Urco, David Cortizo e Tomás G. Ahola. Vou publicar con Galaxia o ano que vén, onde coñezo a Francisco Castro, pero tampouco garanten nada os contactos porque en Galicia é un risco tan grande a publicación que non acostuma haber amiguismo, ou si ou non”.

As editoriais pénsano bastante antes de publicar?
J.E.B.: “Si, e non dan un si así rápido, ao mellor noutros tempos si pero eu non os coñecín”.

Por sorte ti tes varios libros pendentes de publicación.
J.E.B.: “Si, en 2017 sacarei unha novela en Galaxia que se chamará ‘O monstro de Ille’ que é unha historia de fantasmas nun pazo no século XIX. E despois unha novela longa de fantasía épica cómica, digamos que é unha parodia do ‘Señor dos Aneis’ con forte crítica cara os sistemas políticos corruptos que se titulará ‘Os señores do toxo” que sairá con Urco a finais de ano. Esa foi a novela máis exhaustiva que teño creado, pola invención dos mapas, os lugares… Constitúe todo un mundo inventado”.

Como escritor que é o que che satisfai: a resposta dos lectores, unha boa crítica…?
J.E.B.: “Penso que é a plasmación das ideas, porque nunca tiven moita retroalimentación cos lectores. E as críticas, dos críticos máis coñecidos que hai en Galicia, está a cousa dous a dous: dous que me deron ata no DNI, e outros dous deixáronme ben. En xeral acepto ben as críticas pero hai que recoñecer que algunhas son ás veces pouco construtivas”.

Ata que punto inflúen as críticas á hora de vender ou de darse a coñecer?
J.E.B.: “Non sei, pero sospeito que algo terán que dicir. Teño oído que é mellor que falen mal dun en vez de que non falen pero non sei ata que punto. As persoas déixanse levar moitas veces pola voz dun ‘gurú’, que supoño que noutros ámbitos é o responsable das tendencias…”

Se te fías do criterio do crítico, claro.
J.E.B.: “Claro. A verdade é que, como dixen, agora estou nunha idade na que acepto ben as críticas pero ao principio me ofendía”.

Considéraste asentado no sistema literario galego?
J.E.B: “Estar estou, coñécenme, pero ás veces síntome como se non estivera, non fago ruído, e estase ben así porque tampouco me gusta tomar a voz cantante ou pagarme de min mesmo. Conseguín o que quería, que é publicar sen gañar ningún premio literario”.

Como mestre de Primaria, como ves a relación que teñen os cativos hoxendía cos libros? No informe PISA Galicia mellorou a puntuación en Lectura.
J.E.B.: “Imaxino que os plans lectores serían máis coidados e por iso tivéronse eses resultados, pero basicamente é como intereses aos rapaces coas lecturas, as actividades que fagas. No colexio onde dou clases traballamos moito por fomentar o gusto pola lectura e se consegue que os rapaces case estean máis na biblioteca ca no patio”.

É importante atraelos porque eles serán os lectores do futuro. No teu caso como foi a túa relación cos libros?
J.E.B.: “Eu non fun un gran lector de pequeno, cómics si que lin moito; fun mal estudante, hiperactivo… O que pasa é que certo pouso si había: herdei os libros do meu avó, a miña irmá lía moito e eu vía sempre libros na casa. Penso que si que ten que haber certa base senón despois para enganchar aos adultos é complicadísimo”.

Que autores les?
J.E.B: “Igual que no cine, prefiro ver o cine galego ou o español incluso antes que o estranxeiro, que tamén o vexo, non por chauvinismo, simplemente deberíamos de apreciar máis o que temos máis preto porque tendemos a menosprezar o que está ao lado noso e a idolatrar o que está máis lonxe. E na literatura procuro o mesmo, sempre intento buscar autores de preto que me enchan e que me digan algo. Baseándome niso, sigo a Juan Tallón, paréceme un excelente escritor; a Chesi tamén, que tamén é unha persoa moi reservada e que está ao marxe pero está; a Ramón Caride, xa non é so a amizade que nos une senón que sempre buscou os temas que me gustan a min, de denuncia social, ecoloxía…
E con respecto a outro tipo de libros son bastante errático, fago cadea de lecturas, por exemplo a raíz de ‘Libros peligrosos’ de Tallón empecei a ler a Monterroso. Das literaturas anglosaxona e sudamericana teño lido bastante, gústame moito Borges; en definitiva, os clásicos, que sempre volves a eles”.

Hai ambiente literario en Ourense?
J.E.B: “Se consideramos cada persoa que ten que ver coa literatura unha illa, en Ourense hai varios arquipélagos, un arquipélago que ten que ver co Cercano, que o fan moi ben; a sección literaria do Liceo, da que descoñezo todo, o patronato de Blanco Amor co que tampouco teño moito que ver, o Círculo Poético Ourensán, que no seu momento me presentou un libro e téñolles que estar agradecido. E despois pódense atopar illas soas literarias como Tallón, como Chesi, como Riveiro Coello, como Caneiro, como Juanjo Lamelas, un compañeiro meu que fai novela histórica en castelán… Hai veces que me din por que non estou en contacto con tal ou cal institución? É que ao mellor non me socializo ben, eu prefiro estar ao meu que ir petar ás portas: ‘ola, son escritor, quéresme?’”.

De todo o que tes publicado, hai algunha obra favorita?
J.E.B.: “’A vila das ánimas’ foi un experimento estilístico, non ten que ver como escribo agora, pero para min é unha das máis emocionais. Esa vila existe, é a vila da miña infancia, e ademais foi a primeira coa que entrei a publicar cunha editorial. Pero todas teñen o seu aquel, dos ensaios tamén estou bastante orgulloso”.