Os Grupo socialista quere que se atallen as agresións ao medio ambiente que producen os verquidos incontrolados.

Moción sobre as fosas sépticas da provincia

O Portavoz da Deputación, Francisco José Fraga Civeira, acompañado polo deputado provincial e alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez, presentaron a segunda das mocións que o Grupo Provincial Socialista vai defender no vindeiro Pleno da Deputación de xaneiro.

A proposta vai dirixida a mellorar a cooperación, por parte da Deputación, coas entidades locais da provincia, teimando no que os socialistas defenden como a función primordial dos gobernos provinciais: asistir ós concellos na prestación dos servizos básicos. Ademais, a moción presentada, para que se reformulen os convenios de asistencia para baleirado de fosas e o de xestión das depuradoras compactas, ten a finalidade de mellorar a nosa relación co medio ambiente e frear os verquidos que estragan o noso medio ambiente.

Así mesmo, tal como comentou o Portavoz socialista, esta iniciativa retoma unha das resolucións, propostas polo PSOE, que foron aprobadas no debate do estado da provincia de 2016, co obxectivo de que non caian no esquecemento e sirvan de postureo político para os intereses do Partido Popular.

Vicente Gómez quixo, así mesmo, destacar que as fosas sépticas que existen na maioría dos concellos da nosa provincia, supoñen unha agresión continua ao medio ambiente, debido a que a máis do 50% delas non se lles fai a limpeza e tratamento necesario para o seu correcto funcionamento. Esta agresión, en verbas dos socialistas, minora a capacidade da nosa provincia para a posta en valor dun dos seus activos máis importantes, a riqueza paisaxística e natural.

Así mesmo, os socialistas queren que se reformule o convenio marco de cooperación coas entidades locais para a prestación de asistencia técnica  para a limpeza, baleirado e xestión de lodos de fosas sépticas ata acadar unha rebaixa no prezo, para os concellos, dun 30% e, no caso dos núcleos de menos de 100 habitantes, que se estableza unha rebaixa do 50%.