As bases están publicadas integramente no Boletín Oficial da Provincia de Ourense (BOP), que regulan o sistema selectivo de oposición libre de 5 prazas de funcionarios de carreira e 1 por mobilidade.

O Concello de Ourense abre desde este xoves, 19 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes para que as persoas interesadas poidan optar á convocatoria para prover 6 prazas de Policía Local, 5 delas por oposición libre e 1 por mobilidade, correspondentes a á oferta pública de emprego do ano 2013. Con esta convocatoria, o Concello avanza no reforzo deste servizo, básico para a cidadanía, cuxa plantilla se viu minorada nos últimos anos como consecuencia da xubilación de axentes. A Policía Local de Ourense conta a día de hoxe con 115 efectivos (102 axentes e 13 mandos).

O Concello de Ourense seguirá traballando no reforzo deste servizo coa próxima convocatoria das prazas das ofertas de emprego público de 2014, máis aquelas vacantes que permite a lei con respecto ás ofertas públicas de emprego de 2015 e 2016.

O anuncio da convocatoria publicouse hoxe no Boletín Oficial do Estado, polo que se abre un prazo de presentación de solicitudes de vinte días naturais, desde este xoves 19 de xaneiro. As bases da convocatoria están publicadas integramente no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, número 2, do martes 3 de xaneiro de 2017, que regulan o sistema selectivo de oposición libre de 5 prazas de funcionarios de carreira e 1 praza por mobilidade, pertencentes á escala de administración especial, sub-escala de servizos especiais, clase policía local, sub-grupo C1.

Os requisitos esixidos, son entre outros, para participar na quenda libre: posuír nacionalidade española, superar os 18 anos de idade, estatura mínima de 1,65 metros os homes e 1,60 metros as mulleres, estar en posesión do título de Bacharelato, técnico de formación profesional ou calquera outro equivalente, segundo as disposicións educativas sobre a materia, ou superación das probas de acceso á Universidade para maiores de 25 anos, ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B, non ter sido condenado/a por delito doloso, nin estar inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin separado/a do servizo das administración públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme, entre outras.

Para participar no concurso para a mobilidade de funcionarios doutros corpos da Policía Local de Galicia, os requisitos son, entre outros, ostentar, en propiedade, a categoría de policía noutros corpos de Policía Local da Comunidade Autónoma de Galicia, ter una antigüidade mínima de tres anos na citada categoría ou faltar, como mínimo, 12 anos para o pase previsto á situación de segunda actividade.

As bases íntegras pódense consultar no BOP.