O xurado destacou da obra gañadora, Do meu nome o outras trapalladas, “a súa adaptación aos tempos que corren, na que o autor fai unha reflexión crítica sobre a familia, os amigos e a escola”.

Antonio Yáñez Casal gaña o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” de Narración

O escritor Antonio Yáñez Casal (Ferrol, 1959) coa obra Do meu nome e outras trapalladas (presentada baixo o lema “Inferniense”), foi o gañador do XIV premio de literatura infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.

O xurado sinalou da obra galardoada “a súa adaptación aos tempos que corren, na que o autor fai unha reflexión crítica sobre a familia, os amigos e a escola”. Asemade o xurado puxo de manifesto que a obra “ten unha grande riqueza morfolóxica, que da idea dun escritor de nivel cultural alto, e cun importante dominio da lingua, axeitándose moi ben para ser ilustrada”.

Así mesmo, o xurado dixo da obra que é “un texto cunha linguaxe directa e crítica. Unha obra de lectura sinxela, que ten moita potencialidade para achegarse aos adolescentes e gañar lectores dentro desa franxa de idade, pois reflicte ben o mundo que nos rodea”. En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou que todos os textos presentados “son de moi diversa temática e adaptados ao espírito deste premio”.

Ilustración
Agora ábrese o prazo para o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de Ilustración e os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria ata o día 31 de marzo.

A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Antonio Yáñez Casal. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.