Ánxeles Vázquez visitou as obras de mellora de camiños do parque de Montealegre.

A Conselleira de Medio Rural visitou Montealegre

As intervencións en Montealegre, que veñen de rematar a finais de 2016, enmárcanse nun convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Consellería do Medio Rural para a construción de sendas e outras actuacións forestais neste monte, pensadas para favorecer o seu uso e goce polos veciños. Consistiron, ademais de habilitar as sendas para os peóns, na creación de firme, plantacións, instalación de mobiliario (mesas e bancos, papeleiras, carteis informativos, etc.) e de sistema artificial de rega. O importe total destas obras foi de preto de 60.000 euros.

Este de Montealegre é un espazo de case 150.000 metros cadrados caracterizado pola súa riqueza natural e polas súas peculiaridades antropolóxicas e biolóxicas, que se ven reforzadas agora coa plantación de especies singulares. Esta actuación ten que ver coa política de posta en valor das zonas forestais periurbanas de diferentes cidades galegas –caso do monte Pedroso en Santiago–, co fin de mellorar o seu aproveitamento por parte da cidadanía e, ao tempo, potenciar os seus valores ambientais e paisaxísticos.

A Consellería do Medio Rural levou a cabo ao longo de 2016 diversas intervencións no concello de Ourense para mellorar camiños e para poñer en valor o parque de Montealegre que supuxeron un investimento total de preto de 300.000 euros.