Os colexios dispoñen ata o 17 de abril para enviar as súas propostas de vídeos sobre a separación dos residuos e a reciclaxe.

A Xunta organiza un concurso escolar para reciclar

A Xunta de Galicia organiza un concurso para os estudantes de ESO e Bacharelato sobre a separación dos residuos e a reciclaxe da campaña Oportunidades Galicia.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Mª Cruz Ferreira, presentou, xunto á Delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, esta iniciativa no colexio plurilingüe Divina Pastora.

O prazo para presentar os traballos vén de abrirse e remata o vindeiro 17 de abril. A directora xeral sinalou que “este tipo de iniciativas e achegas contribúen a facer un mundo mellor, máis verde, máis sustentable e máis ecolóxico”.

Tal e como afirmou Ferreira, esta campaña forma aos máis novos para que practiquen a estratexia das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e invitounos a consumir de xeito responsable e producindo o menor dos lixos, aproveitando os productos e alongando a súa vida útil e dándolle una nova vida a moitos deses produtos grazas á reciclaxe.

Tamén os invitou a ser respectuosos co medio ambiente e recordoulles o dano que producen obxectos tan cotiás como as botellas de plástico, que tardan 450 anos en descompoñerse; a lata, que se non se recicla, permanece entre 250 e 500 anos na natureza; ou as pilas, que tardan en degradarse entre 500 e 1.000 anos.

A representante da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio explicou que o Día Mundial da Educación Ambiental ten a súa orixe no Seminario Internacional de Educación Ambiental, celebrado en 1975, e aínda hoxe segue a estar vixente o obxectivo que se marcaron os 70 países participantes na chamada Carta de Belgrado: a educación ambiental.