A moción inclúe a sinalización da rede de camiños que bordean o conxunto monástico, co fin de conectala co circuíto fluvial do Río Miño.

Ourense en Común leva ao pleno a recuperación do conxunto medieval de Sta. Comba de Naves

Ourense en Común rexistraba o pasado luns unha moción para o pleno do mes de febreiro, na que solicitará a recuperación e protección do conxunto monástico medieval de Santa Comba de Naves e da súa contorna.

O monumento, sito en Palmés, e catalogado actualmente pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, atópase nun lamentable estado de conservación, que pon en risco ás persoas que o visitan, tal e como xa recollía en xullo de 2016 un informe técnico da Concellería de Urbanismo, e como puideron comprobar Miguel Doval e Martiño X. Vázquez, que visitaron o monumento hai escasos días.

A titularidade do monumento pasou a mans privadas despois de que o anterior propietario, o Bispado de Ourense, vendera o conxunto no mes de decembro de 2015.  Desde entón, o propietario incumpre reiteradamente os requirimentos que se lle fixeron desde a Concellería, omitindo acometer actuacións preventivas para conservar a estabilidade estrutural das edificacións e instalando neste tempo dúas portas metálicas sen autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia. A moción insta ao goberno municipal para que garanta o estrito cumprimento das medidas preventivas e de conservación das edificacións.

Ourense en Común recolle tamén na súa moción á fraga de máis de 500 hectáreas situada na contorna do conxunto monástico, que malia ser a mellor conservada do Concello de Ourense, non conta na actualidade con ningunha categoría de protección das incorporadas na Lei de protección da paisaxe de Galicia en 2008. O grupo solicitará no pleno a declaración de Espazo Natural de Interese Local, que “permitirá elaborar un instrumento de planificación efectivo e perdurable no tempo para conservar os valores naturais, culturais e etnográficos da zona.”
O terceiro acordo incluído na moción, solicitará ao goberno a sinalización da rede de camiños da contorna do mosteiro, co fin de conectala co circuíto fluvial do Río Miño, “engadindo valor á oferta turística termal, fomentando o turismo de sendeirismo e hábitos de vida saudables entre a poboación, ao tempo que mellora o recoñecemento social do monumento».

Nos últimos anos moitos foron os colectivos que demandaron un trato digno para Santa Comba de Naves e a súa contorna. A AA.VV. de Palmés, a Comunidade de Montes de Naves, AA.VV. San Miguel de Canedo, Anacos da Cidade, AA.VV. San Breixo de Seixalbo, Verdegaia, Amigos da Terra e veciños e veciñas de Ourense teñen realizado diferentes actividades para a súa posta en valor como andainas, roteiros, charlas, etc.