Estudantes de Emerxencias e Protección Civil toman como modelo o Plan de Autoprotección do Entroido de Verín.

Aprendendo seguridade co Entroide de Verín

Unha vintena de alumnos do Ciclo Medio de Emerxencias e Protección Civil acudiron á casa consistorial para participar na reunión de coordinación de seguridade do Entroido 2017 -convocada por área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín na casa consistorial-, coa finalidade de tomar como modelo de estudo o Plan de Autoprotección implementado en Verín durante estes festexos.

Á reunión de coordinación acudiu a concelleira de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, Cándida Couñago,  xunto con representantes da Garda Civil, Policía Local, Cruz Vermella, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, Dirección Provincial de Emerxencias, Bombeiros de Verín, membros da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e do 061.

Os alumnos desta titulación, impartida pola  Consellería de Educación da Xunta de Galicia, en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), acudiron á reunión de coordinación como oíntes, coa finalidade de analizar “in situ” todos os mecanismos de coordinación que se efectúan entre os diferentes equipos de emerxencia, e os protocolos de actuación a seguir para garantir a seguridade do público e dous profesionais que desempeñan a súa labor nas diferentes actividades que forman parte do Entroido de Verín.

Seguindo a liña que a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín está a desenvolver nos últimos anos, co obxectivo de organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos, para que tanto os veciños como os visitantes poidan desfrutar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física, elaborouse un Plan de Autoprotección para o Entroido 2017 que será presentado ante os medios na próxima semana.