Para que os cidadáns poidan notificarlle incidencias ao Concello.

O Concello de Ourense conta cunha app propia: Ourense colabora

O Concello de Ourense vén de presentar unha aplicación para o móbil para que os cidadáns poidan notificarlle incidencias ao ente local. Unha nova canle de comunicación para informar de todas as incidencias que considere oportunas.

Dispoñible para descargar, de balde, en calquera teléfono intelixente (tanto Android coma IOs -esta estará dispoñible nuns días),  “é unha forma de atender dunha forma máis eficaz as demandas dos nosos veciños”, explicaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a súa presentación. “Tanto para que os cidadáns poidan canalizar as súas queixas como para que o Concello poida identificar incidencias alá onde os nosos ollos, a nosa acción, non chega”, dixo.

Ourense Colabora permite identificar a queixa de entre unha lista das incidencias máis comúns -tamén hai un apartado para ‘outras’- e engadirlle á queixa fotografías (ata un máximo de cinco) para ilustrala mellor. A mensaxe é recibida no Concello, que se encarga de notificarlla ao departamento oportuno. A partir de aí, a aplicación permítelle saber ao cidadán en que estado se atopa a súa reclamación e, finalmente, contactar de novo con el para informalo da súa resolución.

Dous concellerías están involucradas neste proxecto, a de Sistemas de Información e a de Participación Cidadá. O concelleiro da primeira salientaba que a app permite «facer unha administración máis cercana, máis accesible e máis transparente”, pola súa banda o responsable da segunda, Carlos Campos, cualificou a ferramenta como “moi útil e transversal” na comunicación cos veciños e coas diferentes asociacións de veciños.

A aplicación tivo un orzamento de 3.500 euros.