A agrupación reclama á Dirección Xeral de Xuventude que se teñan en conta as opinións de todos os colectivos.

A Plataforma en Defensa da Casa de Xuventude de Ourense, constituída a mediados do ano 2014, continúa coas súas reclamacións ao non dar por satisfeitas as reivindicacións recollidas no seu manifesto. Desta volta, reaccionan ás intencións da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado de renovar o modelo de xestión existente no Espazo Xove da cidade.

Desde o colectivo opinan que este cambio de rumbo que semella unha declaración de boas intencións por parte da Xunta de Galicia, non é máis que “un intento para manter un modelo implantado á forza sen marco lexislativo ningún”, ou o que é o mesmo, “facer legal o que até o de agora se mantiña nun limbo alegal”, pero que segundo a Plataforma “non funciona nin da resposta as necesidades actuais da mocidade”.

É por isto que piden a creación dun regulamento novo que remate de raíz coas irregularidades que se están a cometer no espazo, e que ao mesmo tempo sexa elaborado de forma democrática e participativa. Neste senso, e pese a que desde a Dirección Xeral afirman terse xuntado coas asociacións máis representativas da provincia no ámbito da xuventude e o voluntariado, a Plataforma reclama que nin eles nin os colectivos que a compoñen foron chamados a reunirse. Consideran que “para construír un futuro próspero para a Casa da Xuventude é preciso ter en conta as opinións de todas, e especialmente o daquelas asociacións que levan anos traballando en prol dese futuro aínda cando lles foi negado por culpa da mala xestión da Xunta”.

Por este motivo, xa teñen solicitada unha xuntanza con Cecilia Vázquez, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, na que agardan ter a posibilidade de que as súas propostas “sexan escoitadas e levadas a cabo, para procurar entre todas unha solución común á problemática deste espazo emblemático da cidade de Ourense”.