O Concello realizará accións formativas para a inserción sociolaboral de persoas en risco de exclusión social.

Un total de 24 usuarios do programa de inserción socio laboral IMEDRA poderán obter o permiso de conducir (tipo B) grazas a un convenio entre o Concello de Ourense e Viaqua. Esta acción, aprobada na xunta de goberno local desta mañá, quere dotar a persoas en risco de exclusión social de ferramentas clave para optar a un emprego, e estará dotada con 5.700 euros. “Desde o goberno municipal queremos darlle un forte impulso ao programa IMEDRA”, comentaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez: “Con el, 819 persoas participaron en procesos de inserción laboral. 345 asistiron a cursos de formación e 45 obtiveron un contrato de traballo en empresas”, dixo.

E é que a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy presentou a memoria deste programa de inclusión do ano 2016. O obxectivo, en palabras do rexedor, é “chegar a máis usuarios, para prestar atención non só ás persoas usuarias das UNIS, senón tamén as persoas en risco de exclusión incluídas noutros programas da rede asistencial, como a Unidade de Condutas Aditivas, o programa de minorías étnicas e o de Inmigración”. Desta forma, implícase a empresas e organizacións non gubernamentais e poténciase a formación con cursos naqueles sectores que as empresas demandan para acadar a inserción laboral dos participantes.

En 2016, 485 persoas tiveron un itinerario personalizado dentro do programa, 345 asistiron a cursos de formación, 351 participaron en procesos de selección de persoal en empresas e 48 obtiveron un contrato de traballo entre as empresas colaboradoras do programa. O perfil dos participantes son homes e mulleres maiores de 35 anos, casados con 2-3 fillos de media, escasa formación académica e cualificación profesional, que teñen pasado longos períodos en situación de paro.

O programa conta con 3 profesionais: dúas educadoras e unha graduada en relacións laborais. Deseñan itinerarios individualizados de inclusión social, prestan servizos e accións de orientación e seguimento dos participantes.

As principais novidades foron os cursos de formación en colaboración con entidades, os 5 cursos organizados pola Concellería de Asuntos Sociais (con 62 participantes, dedicados a operacións básicas de cociña, atención a persoas dependentes en institucións sociais, competencias clave 2, actividades de venda e limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais); un total de 223 participantes no programa IMEDRA foron derivados e admitidos en cursos doutras entidades: organizacións non gubernamentais, centros de formación e empresas de diferentes sectores; realizáronse 351 derivacións de alumnos cara a entrevistas para optar a ofertas laborais.

Finalmente, foron 45 participantes acadaron emprego: 26 en empresas de diferentes sectores e domicilios particulares e 19 a través dos programas da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para persoas en risco de exclusión, neste caso como axudantes auxiliares especialistas, peóns e conserxes.