Celebrarase o vindeiro domingo 19 con meta e saída nas instalacións de Oira. Anotarse só custa 3 euros, pero tamén hai un 'dorsal 0' solidario.

Unha andaina solidaria recadará fondos para os proxectos de infancia da Cruz Vermella en Ourense

Deporte e solidariedade volven darse a man coa celebración da I Andaina Solidaria do Ourense Club de Fútbol a beneficio dos Proxectos de Infancia da Cruz Vermella en Ourense, e que se celebrará o vindeiro domingo 19 con saída e meta desde Oira. A actividade foi presentada este venres nas instalacións do pavillón dos Remedios, onde o concelleiro Mario Guede salientou a “importancia do deporte como instrumento social” e deixou abertas as portas do Consello Municipal para todo tipo de actividades deste tipo.

O prazo de inscrición péchase o vindeiro 16 de febreiro, e para anotarse haberá que ingresar 3 euros na conta bancaria habilitada para a ocasión. Tamén se poden facer achegas solidarias co chamado dorsal 0. Os dorsais poderanse recoller nas oficinas do club en horario de 17:00 a 21:00 horas ou hora e media antes da saída.

A vicepresidenta en Ourense da Cruz Vermella, Nora Sola, agradeceulle a implicación do Ourense Club de Fútbol na organización de esta Andaina solidaria, así como ao Concello e Deputación de Ourense e ás empresas colaboradoras. Os fondos recadados destinaranse aos proxectos de Infancia da Cruz Vermella en Ourense, que só o ano pasado contaron na cidade con 134 participantes entre os programas de promoción do éxito escolar e a inclusión social.