A marca estará presente en todos eventos que organice o recinto feiral.

Expourense e o CRDO Monterrei continuarán colaborando

O Consello Regulador da Denominación de Orixe de Monterrei asinou un convenio para continuar, por terceiro ano consecutivo, como entidade colaboradora de Expourense ao longo de 2017.

A través dun módulo publicitario, a imaxe do consello estará presente en todos os eventos que organice o recinto feiral e que adoitan convocar cada ano a máis de 120.000 visitas. Esta colaboración estreitarase en eventos especializados no sector do viño como é o caso de Xantar ou Vinis Terrae.

A sinatura do convenio correu a cargo do presidente do CRDO Monterrei, José Antonio Da Silva Pereira, e do director xerente de Expourense, Alejandro Rubín Carballo.
A ratificación deste convenio, inclúe ademais o traballo conxunto nas distintas accións promocionais nacionais e internacionais que ambas as dúas entidades realizan ó longo do ano. Deste xeito, o viño de Monterrei poderá promocionarse nas feiras internacionais ás que acude Expourense e viceversa.

Este convenio permitiu a presenza destacada da D.O. Monterrei en eventos como Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, onde o Consello Regulador organizou unha cata comentada e onde tamén se puideron coñecer os viños das distintas adegas adscritas no Túnel do Viño que foi visitado por centos de profesionais da hostalería e da restauración.

Expourense e o CRDO Monterrei poderán colaborar ademais na organización de misión comerciais internacionais que teñan o obxectivo de promover o viño galego. Este é un dos obxectivos de Vinis Terrae, o Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, previsto para o mes de abril. O consello contará cun stand nesta cita e promoverá a participación nela das 25 adegas adscritas.