Para antes do verán estará restaurada a porta norte.

A Xunta licitará a reforma do sistema eléctrico da Catedral

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou a Catedral de San Martiño de Ourense, onde anunciou que se acaba de licitar -segundo publicou o Diario Oficial de Galicia do pasado martes 14 de febreiro- a reforma xeral do sistema eléctrico deste templo.

Durante o seu percorrido pola catedral, o conselleiro estivo acompañado polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos; polo dean do templo, José Pérez Domínguez; pola delegada da Xunta na provincia, Mª Sol Díaz Mouteira;  polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez; polo secretario xeral da Consellería, Jesús Oitavén, e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, entre outros.

Portada Norte
Respecto da restauración da Portada Norte as actuacións previstas teñen como finalidade principal suprimir ou minimizar os factores de alteración actuais e evitar no posible os futuros; freando o deterioro tanto da portada como do rosetón

En concreto, realizaranse intervencións sobre os paramentos pétreos, o rosetón e a propia porta de acceso ao cruceiro por esa parte norte. No ámbito da portada e tímpano, as limpezas terán como finalidade eliminar as sustancias que podan deteriorar o soporte, conservando as pátinas xeradas polo paso do tempo. No caso do rosetón, actuarase tanto sobre as pezas de labra de pedra granítica do mesmo, como sobre o acristalamento.

Ademais, executaranse actuacións complementarias, como a corrección de pendentes na pavimentación exterior, co fin de que todo o conxunto recupere o seu esplendor.

Reforma do sistema eléctrico
No que atinxe á reforma do sistema eléctrico, as actuacións previstas centraranse en dotar de seguridade á instalación eléctrica da catedral, renovando a acometida, o cadro xeral e os cadros que estean en mal estado, así como o cableado deteriorado ou fóra de uso.

Dotarase dunha iluminación axeitada e eficiente á Capela Maior, de xeito que se potencien os seus valores artísticos a través de novas luminarias led orientables sobre guías dunha cor neutra. Está previsto que o importe da intervención supere os 320.000 euros.

Máis de 1,9 millóns de investimento
Coas previsións da obra en tramitación, a execución da intervención na Portada Norte e as obras xa executadas, o investimento da Consellería de Cultura e Educación na Catedral de San Martiño elevaríase – como xa se dixo- a máis de 1,9 millóns de euros.