Así llo comunicou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela á plataforma ProCAPD.

O futuro CAPD de Ourense contruirase en Barrocás

A semana pasada Concello, Deputación e Xunta reuníanse para tratar sobre onde se ubicaría o futuro centro de atención terapéutico e ocupacional que dará servizo ás persoas con discapacidade de máis de 21 anos da provincia (CAPD).

Logo do estudo por parte dos técnicos das tres administracións implicadas neste proxecto – a autonómica, a provincial e a local- das distintas alternativas propostas polo Concello, optouse finalmente por unha finca emprazada no barrio de Barrocás.

Finalmente ubicarase nunha parcela de titularidade municipal de uso dotacional e que conta cunha superficie de aproximadamente 4.600 metros cadrados, duplicando deste xeito os metros inicialmente previstos.

Así o comunicou o titular da área social do Goberno galego a unha representación de pais e nais de alumnos do colexio de Velle cos que se reuniu en Santiago.

Deste xeito desestímase o proxecto inicial de adaptar a antiga Escola Fogar de Mariñamansa, como o demandaba a plataforma ProCAPD.

Agora deberá ser aprobado polo pleno do Concello de Ourense e despois a Xunta iniciará de inmediato a tramitación da redacción do proxecto.