Inclúe entre as súas novidades un gran evento de ocio dixital e as últimas innovacións en gastronomía.

A “Ourense ICC Week”, do 2 ao 7 de maio

A «Ourense ICC Week” 2017 celebrarase do 2 ao 7 de maio. Xornadas, mesas redondas e debates sobre audiovisual, industria TIC, música, xestión cultural, deseño gráfico, publicidade, literatura, artesanía e arquitectura, conforman un amplo programa de actividades, entre as que destaca a celebración dunha “Lan party” (denominada ICC Technium 2017). Un gran encontro de ocio dixital que reunirá no polideportivo do Campus de Ourense a centos de mozos cos seus ordenadores para compartir información e xogos e celebrar torneos e concursos.

Estará aberto 24 horas, con zonas de descanso, de ocio e recreo con diferentes actividades. Desde a organización contan reunir neste evento de ocio dixital a uns 500 participantes.

A inscrición poderá realizarse a partir do vindeiro 8 de marzo a través da web ourenseiccweek.com. Ademais, este evento ofrecerá a posibilidade de conexión de fibra óptica de altas prestacións, cunha zona interna de conexión a rede eléctrica e internet por cada praza. Haberá torneos dos principais e-sports, por equipos e individuais, tanto en PC como nas distintas consolas, e máis de 4.000 euros en premios.

Outra das novidades será a gastronómica: a ICC Week dedicará parte do seu programa a analizar as últimas tendencias na vangarda culinaria, contando coa presenza de cociñeiros e xornalistas especializados, entre os que figuran Alfonso López, Pepe Solla, Javier Olleros, Mónica Escudero, e os chefs do restaurante “Nova” de Ourense, Dani Guzmán e Julio Sotomayor. Esta xornada gastronómica incluirá tamén unha visita aos tradicionais fornos do Pan de Cea.