Integrada polos concellos do Carballiño, Boborás, San Amaro e Maside.

Clausura do obradoiro Carbosam

A Escola Taller Carbosam, integrada polos concellos do Carballiño, Boborás, San Amaro e Maside, clausurouse onte nun acto no que se amosou a intención de solicitar un novo obradoiro. Así o puxeron de manifesto o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a teniente alcalde de Boborás, Patricia Torres, que falaron en nome de todos os alcaldes.

Ao acto asistiu a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, que clausurou o acto destacando a importancia destes obradoiros para mellorar a empregabilidade das persoas en paro, axudando á súa formación e concedendo diplomas e certificados de profesionalidade. Así mesmo, referiuse ao incremento de tres meses máis de aprendizaxe na nova convocatoria da Xunta de escolas taller, co que os obradoiros pasarán a ser de nove meses e non de seis como ocurría ata agora.

A este acto tamén asistiron os portavoces dos grupos municipais do PP, Argimiro Marnotes; de Alternativa Veciñal, Bernardo García; do Grupo Non Adscrito, Diego Reboredo, e o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira.

Neste obradoiro participaron vinte alumnos e alumnas que, ao tempo que obtiñan unha formación profesional en albanelería, executaron diversas obras de mellora da mobilidade urbana. Así, no Carballiño ampliouse un tramo de beirarrúa entre a rúa Aldara e Conde Vallellano, a beirarrúa da marxe dereita da rúa Carreira, e a mellora da zona de servizos das piscinas municipais. En Maside, construiuse unha beirarrúa de acceso ao centro de saúde. En San Amaro, fíxose unha beirarrúa entre O Cruceiro e a antiga escola das Neves. E Boborás executou o camiño ao cimenterio de Pazos de Arenteiro.