Celebraranse do 8 ao 24 de marzo.

Xornadas para a igualdade en Allariz

Allariz acolle as XIII xornadas para a igualdade do 8 ao 24 de marzo. A programación, totalmente gratuíta, inclúe charlas, lecturas, coloquios, documentarios e obradoiros.

A concelleira de Benestar Social do Concello de Allariz, Maribel Poisa, e a técnica de Igualdade, Ana Pérez, foron as encargadas da presentación na que explicaron a programación e os obxectivos das mesmas que xirarán, na XIII edición, “no encontro entre homes e mulleres coa fin de fomentar a igualdade, o respecto e a prevención da violencia de xénero”.

O Fogar dos Maiores acollerá, o día 8 de marzo, a inauguración das xornadas co visionamento do documentario que da título as mesmas “Re-Aprendendo a atoparnos…”.

Ata o 24 de marzo diferentes espazos da vila acollerán charlas, lecturas, coloquios e obradoiros impartidos por especialistas en sexoloxía, sexualidade e feminismo. Para fomentar a participación, as actividades son gratuítas e os días dos obradoiros haberá servizo de coidado de crianzas.