Ademais se lograron dúas medallas máis.

Iglesias e Álvarez, campións nacionais de jiu jitsu.

O Campionato de España de jiu jitsu saldouse con dous campionatos, un subcampionato e unha medalla de bronce para Ourense.

O nacional tivo lugar o pasado 5 de marzo no Polideportivo La Estación da localidade madrileña de Navalcarnero. Catro jiujitsukas ourensáns, do club Marbel, participaron na cita e as cousas non lle puideron ir mellor, xa que trouxeron na maleta catro medallas.

O incombustible Felipe Iglesias (-56 quilos) logrou a medalla de ouro, un dos poucos títulos que lle faltaban no seu palmarés. Para iso derrotou aos valenciano Marcos Selfa (12-8), ao madrileño Luís Miguel Casas (50-0) e na final ao valenciano Jordan Lavanda (50-0).

Christian Álvarez (+94 quilos) ourensán con licenza da Comunidade de Madrid, renovou o ouro na súa categoría, impóndose en semifinais ao vasco Julen Ramón (50-0) e na final ao valenciano Pedro Gomis.

Outras medallas
Pero non quedou aí a cousa para a expedición ourensá. Tamara Silva (-70 quilos) logrou unha meritoria medalla de prata, tendo en conta a súa recente recuperación dunha lesión de xeonllo. A ourensá venceu en semifinais á vasca Nekade Muguruza (50-0) e na final caeu contra a catalá Sheila Domínguez por un axustado 8-13.

Ana Fernández Morais (-62 quilos) recuperouse dunha moi axustada derrota inicial (8-7 contra a despois campioa, a madrileña Lucía Llorente) ata alcanzar o bronce en pugna contra a valenciana Cristina Dasi (18-3).