As funcións serán o venres 24, ás 20:30 horas, e o sábado 25 de marzo, ás 18 e 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Verín.

Serán tres pases de “Amigos ata a Morte” en Verín

Coas entradas esgotadas para os dous pases programados inicialmente da obra “Amigos ata a Morte” en Verín, para o 24 e 25 de marzo en Verín ás 20:30 horas, a produtora Etiqueta Negra e o Concello de Verín decidiron programar un novo pase para o sábado 25 de marzo, ás 18:00 horas.

As entradas pódense mercar en www.ataquilla.com e fisicamente no Auditorio Municipal de Verín, en horario de 17:00h a 20:00h. (de luns a venres). As funcións terán lugar no Auditorio Municipal de Verín, o venres ás 20:30 horas e o sábado ás 18:00 e ás 20:30 horas.

Amigos ata a morte
Xa está de volta unha das comedias máis exitosas da historia do teatro en galego. Xosé A. Touriñán, David Amor e Ledicia Sola, volverán subirse aos escenarios na que será a última xira desta comedia que xa viron máis de 12.000 persoas en Galicia.

AMIGOS ATA A MORTE é unha comedia sobre a amizade e o amor, dous ingredientes que queremos para as nosas vidas pero que, como é ben sabido, se se mesturan moitas veces explotan? Nacho, Anxo e María. Dous homes, unha muller? e claro, polo menos un par de historias de amor. Eles son tres amigos dos de toda a vida, tres amigos inseparables, ou se cadra non. Un xiro inesperado deixará patas para arriba a vida dos protagonistas, que terán que ver doutra forma a amizade.

Que Farías se a túa parella decide deixarche? E marchásese co teu mellor amigo? Perdoarías aos dous, a ningún, só a un dos dous? É mellor mentir á persoa que máis queres para evitar que o pase mal? É mellor sempre a verdade que a mentira?  Unha «verdade a medias» é unha mentira de dúas persoas? Poderías perdoar calquera cousa por amor? E por amizade? Que é máis forte, o amor ou o rancor? Que Farías polo teu mellor amigo? E chegado o caso Que lle farías ao teu mellor amigo?