José García Calvo “willy” ten 70 anos recén cumplidos e este será o seu cuarto Marathon Des Sables. Willy mantén a ilusión do primeiro, ao que suma o valor da experiencia.

“Isto é o que fixen toda a vida, probas de longo percorrido e de supervivencia”

O próximo 9 de abril dará comezo o 32º Marathon Des Sables, que percorre o deserto do Sahara. Serán 6 etapas para completar 250 quilómetros e entre os 1.200 heroes inscritos atópase, por cuarta vez, o ourensán José García Calvo “Willy”, que acaba de cumplir 70 anos. Confesa que con 75, se ten saúde, repetirá.

Cantas veces realizaches esta proba?
Willy: “Esta será a miña cuarta vez. Empecei con 55 e repetín con 60, 65 e agora que xa teño cumplidos os 70. E cando teña 75 se teño saúde, que iso é o máis importante, repetirei. No medio estiven en Jordania no ano 2000, foi unha proba de moita distancia, 180 km, pero diferenciábase porque había que facelo con estratexia propia e non por etapas, era unha proba non stop”.

Máis ilusionado ca  nunca?
W: “Máis que ilusión o que teño é sorte de á miña idade non estar enfermo”.

Como adestraches?
W: “O meu adestramento é persoal e intransferible, e baséase na experiencia vivida nas tres veces anteriores, que me fan coñecer o terreo, os desniveis…e iso é moi importante. O deserto non é chan, as dunas son complexas. Estiven 6 meses facendo un exercicio aeróbico, de luns a venres 2 horas diarias, sábado descanso e domingo 4 horas.
Pero conforme avanzaba o tempo iba poñendo máis quilos na mochila, porque unha das características desta proba é que hai que levar enriba todo o preciso para sobrevivir 7 días, entón chego a adestrar con 8 ou 9 quilos.
Tes que manterte realizando esforzo durante moito tempo, e acumulas cansazo dun día para outro, porque alí se un día corres 40 quilómetros ao día seguinte fas outros 40, e ao seguinte 90, entón tes que te acostumar a iso.
E é moi importante facer desniveis moi fortes, o desnivel mínimo que fixen foi a costa de Canedo, a porcentaxe de desnivel é dun 13 ou 14% porque alí nos atoparemos con ese problema, entón non vale de nada facer 30 quilómetros ao lado do río Miño”.

Nestes 15 días que faltan, como te preparas?
W: “Toca eliminar cantidade e subir en calidade. Este domingo farei un adestramento de 5 ou 6 horas, será o último longo. A partir de aí farei unha hora diaria e algo de velocidade, e dende o día 2 xa máis relaxado”.

O cuarto día son 90 quilómetros.
W: “Si, ese día estamos todos máis nerviosos porque te enfrentas a que non acabarás ata a madrugada saíndo ás 9 da mañá, parece que non remata nunca. É duro, eu só penso nesa xornada, hai que ter a cabeza ben posta, tomala con cautela e paciencia. E logo tes todo o día seguinte libre para recuperarte e porque hai marxe para que a xente a faga.
Pero unha vez que acabas ese día practicamente fáltanche 60 quilómetros”.

Que dá o Maratón das Areas para que haxa tantos inscritos?
W: “Esta proba é para xente de clase media-alta, porque a inscrición é carísima. Entón os executivos do IBEX 35 que teñen 40 anos e queren fardar de que fixeron a proba máis dura do mundo son os que se apuntan. E como xa fixeron o Maratón de Londres, o de Madrid ou o de New York, gastan 4.000 euros neste e optan por subir un escalón máis. O que ten é que é a proba de supervivencia máis dura do mundo.
En canto a min o que me tira é que isto é o que fixen ao longo da miña vida e iso é o que sei facer, probas de longo percorrido e de supervivencia, ese é o meu oficio. Entón atopei a proba que me vai perfecta e domínoa”.

Con que pretensións vas?
W: “Cantas persoas cres que hai inscritas que teñan máis de 70 anos? Somos 9. Ao ver a lista extrañeime, porque eu sei que en Ourense son dos poucos que a esta idade fai estas cousas, pero no mundo hai moita xente de 70, 80 e de 90 que o fan. Así que sendo tan poucos, non me gusta dicilo, pero vou a gañar. Tendo en conta tamén que cando cumplín 60 quedei segundo, con 65 quedei oitavo”.

Como é o proceso da viaxe e a proba?
W: “O 6 de abril saímos cara Madrid, de alí collemos un avión a Casablanca, e de aí a Uarzazt, dende onde imos en autobús ao centro do deserto, a 200 quilómetros. Temos uns días de adaptación ao medio, nos que nos fan recoñecemento médico e comproban a mochila. E o día 9 comeza a proba ata o 14 de abril. Logo o 15 hai entrega de premios e o 17 estarei de volta”.

Como será a alimentación eses días?
W: “Todo vai na mochila. Teñen que ser moitas calorías e pouco peso, é a comida dos astronoautas, liofilizada; e tamén froitos secos, Meritene, sopas, e  geles. A base son calorías, hidratos e sales; ata che dan eles pastillas de sal, porque ao ser un clima moi seco é moi importante. Pero este ano vou levar xamón e aceite para a sopa.
Está todo programado, co que tes que tomar cada día. De almorzo,  Meritene con froitos secos; logo cada 10 quilómetros tomamos dous geles; auga cada 10 quilómetros e sales; ao rematar tomamos un té quente para reconfortarnos; e á cea dúas ou tres sopas”.

Quen te acompañará?
W: “Vai por terceira vez Ana Guede,  e por primeira vez Daniel, que é fisioterapeuta, ten 45 anos e está preparadísimo, seguro que o fará moi ben”.