Realizouse no perímetro do castro un voo con dron para tomar fotografías aéreas que permitan un mellor estudo futuro do xacemento.

Os estudos no Castro de Santa Lucía proseguirán este verán

Un equipo de investigadores da Universidade de Vigo realizou nas inmediacións do Castro de Santa Lucía, en Astariz, varios traballos co fin de realizar a planimetría do xacemento castrexo descuberto o verán pasado.

O profesor da Universidade de Vigo e director do Grupo de estudos de arqueoloxía, antigüidade e territorio (GEAAT), Fermín Pérez Losada, xunto coa doctoranda Jessica Silvares e varios traballadores dunha empresa especializada en estudos topográficos, conformaron o equipo de escavación que hoxe se citou en Castrelo de Miño.

Os traballos comezaron pola mañá realizando, primeiramente, a toma das coordenadas do perímetro do castro con GPS diferencial para, despois, realizar o voo cun dron que tomaría as imaxes aéreas da zona. Con isto, conséguese a planimetría, que é a medición e a representación da superficie con vistas a proseguir co estudo que se comezou o verán pasado e do que xa se espera unha segunda fase.

Para os meses de verán espérase a segunda campaña que continuará cos traballos realizados previamente no xacemento e que constituíu, basicamente, a primeira toma de contacto. Fermín Pérez confía que con estes descubrimentos e cos traballos que leven a cabo póidase deixar visible parte das estruturas arqueolóxicas descubertas como un recurso patrimonial máis do concello. Para iso, restaurarán parte da zona e acondicionarán, tras os estudos, o maior número de estruturas que se permita visitar, especialmente o penedo de Santa Lucía.

Especificamente, e polo seu significado, o profesor Pérez Losada recalca a importancia e sorpresa do descubrimento do lagar situado dentro do castro, que evidencia o antigo da tradición vitivinícola da zona. Polo momento, estanse realizados estudos con Carbono-14 que permitan datar coa maior precisión posible a época, da que sospeitan podería situarse ao redor dos séculos I ou II d. C. Nuns meses converteríase no único lagar rupestre de Galicia en estar datado con precisión.

Estudos aínda recentes
O Castro de Santa Lucía comezouse a estudar o 8 de agosto de 2016. Naquel momento comezouse unha intervención arqueolóxica a modo de primeira intervención que duraría todo o verán e que sería cualificada de exitosa polo seu enorme potencial. Con isto, púidose documentar a súa ocupación castrexa e galaico-romana a través de varios descubrimentos, como unha vivenda castrexa circular, restos de materiais ou un lagar galaico-romano.

Parte dos materiais descubertos, tales como moedas, unha fíbula ou pesos de redes foron expostos no Centro Sociocomunitario de Astariz o pasado ano. O xacemento descuberto foi soterrado para devolvelo ao seu estado orixinal con vistas a proseguir o seu estudo con posterioridade.