Esta nova iniciativa abrirá as súas portas o vindeiro domingo, 9 de abril, cun programa de actividades gastronómicas, de ocio e turismo.

O “Mercado do Xurés”, escaparate dos produtos e servizos que ofrece o parque natural

O “Mercado Xurés”, no municipio de Bande, abrirá as súas portas o vindeiro domingo, 9 de abril, como un espazo de comercialización de produtos e servizos do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, converténdose nun escaparate dos produtos gastronómicos e actividades de ocio e turismo desta contorna.

O programa de actividades do 9 de abril comeza coa saída da andaina “Ruta do Monte Grande”, Lagoa do Yermes e petroglifos do monte Arieiro, ás 10.30 horas. A ruta circular de 7 quilómetros e de dificultade baixa, correrá a cargo de “Miraxurés”, turismo de aventura. A inscrición nesta andaina ten un custe de 8 euros que inclúe: guía, seguro, auga e froita. Ás 11.00 horas será a quenda para os máis cativos de entre 8 e 13 anos, a cargo de “Lirio do Xurés” turismo de aventura, cunha duración de 40 minutos, e un prezo de inscrición de 2 euros e cunha capacidade para 15 persoas.

A programación continúa ás 12.00 horas cunha visita guiada gratuíta ao campamento romano de Aquis Querquennis, baixo orde de inscrición no mercado, e a actividade correrá a cargo do Concello de Bande. Ás 13.30 horas será a quenda para unha degustación de “patacas á importancia”, co patrocinio do Consello Regulador de Pataca de Galicia e a cargo do cociñeiro Martín Álvarez. De novo, ás 16.30 horas, realizarase outra visita guiada gratuíta ao campamento romano de Aquis Querquennis e ás 17.00 horas, continúan as actividades para os máis cativos con “Aprendendo a xogar na rúa e espazo ludoteca”. Por último, ás 19.30 horas, rematará a xornada cun show de imitación e humor a cargo de “Juantxonito”.