Así se concretou mediante a firma dun convenio entre a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez Salgado.

Turismo de Galicia rehabilitará o entorno da ermida de Santa Lucía

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez Salgado, asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal, Turismo de Galicia achegará 59.500 euros para a rehabilitación do entorno da ermida de Santa Lucía.

Preténdese así pór en valor esta capela, que forma parte do patrimonio histórico-artístico e etnográfico do concello de Lobios, e tamén acondicionar o espazo natural de Riocaldo, un destacado punto termal desta comarca da Baixa Limia.

As actuacións na contorna da Capela incluirán a demolición e retirada de pavimentos para a colocación doutros novos e instalación de canalizacións, nova iluminación do entorno e colocación de bancos e plantación de elementos arbóreos, entre outros.

Deste xeito, posibilitarase o uso deste espazo público e a promoción de actividades culturais, recreativas e artesanais nesta zona de elevado valor termal. E é que a capela está situada no entorno de Riocaldo, que debe o seu nome á temperatura das súas augas, que se elevan pola aportación de varios mananciais termais no seu recorrido, no que se encontran os Baños de Riocaldo, cun balneario e piscinas de augas fumeantes.

Gran valor termal
“Ao recuperar a contorna da zona buscamos atraer un turismo de calidade á área termal de Lobios, coa intención de garantir que os visitantes poidan gozar deste espazo natural, de extraordinario valor grazas á temperatura e as propiedades das súas augas”, explicou Nava Castro.

Recordando o destacado papel de Lobios no termalismo en Galicia indicou tamén que convenios como o asinado hoxe “axudarán a consolidar a súa fortaleza termal e estimulará así o potencial económico da comarca”.