Co traslado da "Dolorosa" este venres; o pregón do arcebispo de Belcastro, o sábado; e a procesión de Ramos, o domingo.

Comeza a Semana Santa do Carballiño

A Cofradía da Veracruz ultima os detalles para dar comezo aos actos máis solemnes de Semana Santa. Este venres, 7 de abril, participará no traslado da imaxe da Virxe das Dores dende a vella igrexa parroquial de San Cibrao ata o templo da Veracruz. O sábado, 8 de abril, terá lugar o pregón por parte do arcebispo de Belcastro, e o domingo, 9 de abril, estrenará na procesión de Ramos o novo paso “A Borriña”, obra do escultor sevillano Isorna.

A procesión do traslado da Virxe das Dores será este venres 7, ás  20,30 h., dende a igrexa parroquial de San Cibrao ata o templo da Veracruz, pasando polas rúas Vulcano, Tomás Mª Mosquera, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e rúa dos Canteiros. O acompañamento musical correrá a cargo da Banda Escola de Gaitas do Carballiño e das cantantes Almudena Mosquera e Maribel López.

O pregón da Semana Santa será pronunciado  o sábado 8, ao remate da misa, ás 20,00 h., no templo da Veracruz, polo Arcebispo titular de Belcastro, José Rodríguez Carballo, e contará co acompañamento da Agrupación Musical Nª Sª do Carmo de Ferrol.

E o domingo 9, a partir das 11,15 h., procesión de Ramos, na que se estrenará o novo paso “Xesús triunfante entrando en Xerusalén”, coñecido popularmente como “A borriña”, que é obra do escultor sevillano Isorna. O itinerario da procesión é o seguinte: Templo da Veracruz, rúas Evaristo Vaamonde, Conde Vallellano, Curros Enríquez e Antonio Palacios, para culminar no templo da Veracruz. No acto intervirán: Coro de Voces Brancas do Orfeón Unión Ourensá e Coro do IES Chamoso Lamas, así como da Banda da Brigada Lixeira Aerotransportable “Galicia VII”. A bendición dos ramos e palmas celebrarase na praza da Veracruz.