David González participará no Campionato de España na cidade do Lérez.

Pontevedra e Avilés, as citas do CNPO para esta fin de semana

O sábado comeza o campionato de España Open en Pontevedra, onde estará a elite deste deporte para loitar por unha praza no próximo mundial que terá lugar en Budapest este verán.

Alí nadará cos mellores un deportista do Pabellón Ourense de natación. Trátase de David González que acreditou a mínima esixida pola federación fai tres semanas. A súa participación limítase ao hectómetro de braza, proba na que xa ten os deberes feitos no seu campionato cos júnior. Aquí acode sen presión como aprendizaxe de face ao futuro e coa satisfacción de ter á beira medallistas nacionais, internacionais e os mellores doutros países que acoden ao campionato como preparación do próximo mundial.

As categorías alevín e benxamín desprázanse a Avilés para disputar o trofeo que organiza o club desta localidade. Aproveitando as vacacións escolares, é unha boa oportunidade para disputar unha competición diferente ás clásicas do calendario. Vivir a experiencia de desprazarse fóra da comunidade para competir coa maioría de clubs asturianos, norte de Galicia e de Castela e León. As probas que se disputan son os 200 libre e estilos en alevín e os 100 libre e estilos en benxamín.