O recinto acolleu once feiras e máis de 20 eventos que atraeron a máis de 117.000 visitas e a 943 expositores de 37 países.

Expourense organizou tres das cinco feiras internacionais celebradas en Galicia no 2016

Xantar, Termatalia México e Funergal. Expourense organizou en 2016 tres das cinco feiras internacionais celebradas en Galicia.  Ademais da internacionalización, foi un ano no que tamén foi clave a cooperación público-privada para celebrar proxectos que contribuíron a xerar novas oportunidades de negocio internacionais ás empresas galegas.

A celebración da terceira edición de Termatalia en América Latina volveu posicionar a Expourense como o único recinto feiral de España que organiza eventos propios no estranxeiro. A internacionalización foi, polo tanto, o fito que marcou a actividade de Expourense durante o pasado ano no que o recinto reforzou a súa rede de socios estratéxicos en Europa e América Latina, rede que se estendeu ademais a Oriente Próximo e Asia-Pacífico. Isto quedou patente na presenza de expositores e visitantes procedentes de 37 países de 4 continentes.

Estas son as premisas baixo as que desenvolveu a súa actividade en 2016 a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, que se consolida como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía ou a industria funeraria.

Resumo da actividade no 2016
O resumo de actividades organizadas pola Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, durante o 2016 indica que o recinto organizou o pasado ano un total de 11 feiras, boa parte delas de marcado carácter profesional e orientadas ó fomento do negocio.

Todos os certames contaron coa presenza de 943 expositores, unha cifra lixeiramente superior á do ano anterior e que indica o grao de fidelización e confianza das empresas e institucións polos proxectos levados a cabo por Expourense. As 11 feiras os máis de 20 eventos do calendario da Fundación atraeron a 117.00 visitas.