Na xornda inaugural elaborarase a tapa de pulpo máis grande da capital de España.

A Festa do Pulpo do Carballiño estará presente no Salón gastronómico «Pulpo Pasión Madrid»

A LV Festa do Pulpo do Carballiño será protagonista no salón gastronómico “Pulpo Pasión Madrid”, que se presenta este venres no espazo gastronómico gourmet Platea Madrid.

Na xornada inaugural, prevista para a tarde deste venres, elaborarase a Tapa de Pulpo máis grande de Madrid. O prato no que se preparará esta tapa foi cedido polo concello do Carballiño como promoción da Festa do Pulpo, atendendo a unha invitación da organización deste evento, que se desenvolverá ate o 15 de maio, e no que participan 40 restaurantes da capital de España.

O prato ten 2,20 metros de diámetro e cubrirase con 110 kg de pulpo. Dase a circunstancia de que este prato, que está serigrafiado cos lemas e convocatoria da Festa do Pulpo do Carballiño,  foi o primeiro que se utilizou no Carballiño para elaborar a Tapa de Pulpo Máis Grande do Mundo. Na Festa do Pulpo do pasado ano, o prato no que se eleborou esta tapa tiña 5,37 metros de diámetro, máis do dobre deste que se utilizará en Madrid.

Neste acto inaugural intervirá o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, para promocionar a LV Festa do Pulpo e destacar o papel do Carballiño e das súas pulpeiras e pulpeiros como unha referencia mundial na elaboración do “pulpo á feira”.

O salón Pulpo Pasión Madrid celebra a súa segunda edición, promovendo a gastronomía galega na capital de España.

O espazo gastronómico gourmet Platea Madrid ubícase no lugar que ocupaba antigamente o cine Carlos III, na rúa Goia (Praza de Colón), no corazón da capital de España. É un dos maiores espazos gastronómicos de Europa. Ocupa uns 6.000 metros cadrados e da cabida a unha vintena de establecementos especializados en gastronomía nacional e internacional.